Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentado no Gaiás “De portas a dentro” de Estíbaliz Veiga

 Compostela, 19 de decembro, 2020. Este Venres 18 de decembro no Auditorio CIN1 do Gaiás, Cidade da Cultura, tivo lugar a preestrea do documental DE PORTAS A DENTRO, proxecto apoiado có Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, creado para incentivar a creación e o traballo das empresas culturais durante a época do Covid.
Contouse coa presenza de D. Valentín García Gómez ( Secretario Xeral de Políticas lingüísticas da Xunta de Galicia) e D. Anxo Lorenzo (Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia).
Tamén asistiron os protagonistas desta historia de pandemia, un grupo de once adolescentes que forman unha compañía de teatro dirixida pola actriz, presentadora e pedagoga teatral , Estíbaliz Veiga. Nesta ocasión esta “profe” de teatro dirixe e escribe esta proposta audivisual que en base é o caderno de bitácora destes rapaces e as súas correspondentes familias na época da corentena, da desescalada e tamén no inicio desta segunda onda da pandemia este outono.
A obra ten como liña dramática a relación de dúas amigas ( Miriam Devesa e a propia “profe”) que a través das chamadas telefónicas que se fixeron durante a corentena narran os momentos vividos na crise e en paralelo a vitalidade, a ilusión e as forzas que a rapazada do grupo de teatro lle impregna a familiares e a ditas amigas que “sen querer” levaron a cabo esta testemuña cinematográfica destes adolescentes durante este período histórico e realmente transcendental que mudou o xeito de pensar, tanto a título individual coma social, e no caso delas e deles, a mellor.
As temáticas xiran en torno ao teatro pero a convivencia, a incertidume, a inseguridade e a loita os levaron a debatir sobre a igualdade na sociedade, o ecoloxismo, a cultura e a súa necesidade e a defensa da nosa lingua, o galego, entre outras moitas.

Exit mobile version