A responsable socialista sinalou que “aparte de vontade política, é fundamental ter cartos, partidas orzamentarias” nun departamento que queda rezagado nun contexto de expansión orzamentaria, no que mesmo no goberno central as partidas para Pesca aumentan un 25 por cento. Sinalou que “para que as liñas de goberno cheguen a bo porto fai falla dotación orzamentaria, e despois que esta se execute”.
Otero sinalou que a baixa execución deste departamento “pon en dúbida que vaian trasladar as promesas a feitos”, por canto no último exercicio completado, o do ano 2019, tan só executaran o 60 por cento do crédito inicial. Con estes antecedentes, dixo, “dificilmente poderán levar a cabo as actuacións” que anuncia a conselleira do Mar.
Reclamoulle á conselleira que “goberne contando con todo o sector” e afeoulle o “esquecemento” da arte do xeito, logo de que a Consellería excluíra das súas liñas de actuación a esta modalidade de peca “sostible, selectiva e respectuosa co medio”. Otero sinalou que “non queremos pensar que adopten medidas en función da rendibilidade política” e que “abandonen á súa sorte” a unha arte de pesca que exercen tan só 429 embarcacións en toda Galicia.
A responsable socialista criticou que a partida de ensinanzas pesqueiras minguara, pese a que exista unha falla de relevo xeracional e que “sigamos a perder traballadores no sector”. Ademais, lamentou a falla de aposta polo servizo de gardacostas, que “cada vez ten máis competencias e debe estar dispoñible 365 días durante as 24 horas”, pero malia que existe partida orzamentaria “non hai unha carreira profesional” e “non se cobren os postos vacantes” por baixas ou xubilacións.
Lealdade institucional
Patricia Otero reclamoulle á conselleira “lealdade institucional” co goberno central para mellorar a proposta de reparto de TACs e cotas de pesca da Comisión Europea para o próximo ano. Instou a “traballar e acadar os avais científicos” que revertan unha “mala proposta para a nosa flota” porque “existe marxe de mellora” no Consello de Ministros de Pesca da UE que se celebra a próxima semana e no que Galicia acompañará ao goberno de España.