A actividade, organizada por Acisa coa colaboración do Xacobeo 2021 e da Xunta de Galicia, forma parte da programación de Nadal que deu comezo hai uns días co acendido do árbore da praciña de San Roque e coas panxoliñas que soan nas rúas de Ribadeo.
Desde Acisa fan unha valoración positiva da visita dos Bolechas: “fixeron fotos con todos os nenos e nenas cos que se atoparon e cos adultos” e subliñaron que “o paseo por Ribadeo discorreu con normalidade e respectando os protocolos covid en vigor”.
A campaña de Nadal de Acisa inclúe o sorteo da X Festa do Comercio, que repartirá 4.000 euros en premios. A principal novidade é que o sorteo non será presencial para evitar as aglomeracións que se producían outros anos. Este realizarase nas oficinas de Acisa o 11 de xaneiro e será emitido en directo a través das redes sociais da asociación, coa posterior publicación dos números agraciados nos medios de comunicación. Desde o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro as rifas están a disposición dos clientes de todos os negocios asociados a Acisa Ribadeo. Este ano haberá un premio de 2.000 euros, un premio de 1.000 euros, un premio de 500 euros e cinco premios de 100 euros.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo aposta tamén pola animación en directo, sempre que as circunstancias o permitan e deixando aberta a posibilidade de cancelación. Hoxe Os Bolechas estiveron en Ribadeo e tamén haberá pasarrúas de gaitas varias fins de semana, pola tarde e ao mediodía.
Desde Acisa animan “a ribadenses e visitantes a disfrutar con sentidiño, respectando as medidas de hixiene e a distancia de seguridade, das actividades previstas, das compras no comercio local e do consumo na hostalería”.