Burela, 23 de decembro, 2020. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo elixiu o denominado “Día da Saúde”, tra-la celebración do Sorteo da Lotería de Nadal, para presentar o seu novo calendario 2021, no que se volve promocionar o consumo de peixe como unha das principais bases dunha vida saudable, acompañando cada mes coa imaxe dunha das principais especies da lonxa de Burela e outros tantos mensaxes firmados por recoñecidos profesionais da saúde.
Este ano ademais a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo presenta a súa denominada fórmula da felicidade: “P=S∞” equivale a que “Comer Peixe é igual a Saúde por Sabor, elevado a infinito”.
Numerosos estudos relacionan determinados alimentos co noso estado de ánimo. Por exemplo dise que o consumo de peixe pode diminuír ata un 17% o risco de padecer depresión. Este efecto beneficioso do peixe podería deberse á súa riqueza en ácidos graxos Omega 3, que modificarían a actividade da dopamina e serotonina, neurotransmisores vinculados á depresión.
O calendario do próximo ano conta coa colaboración de Armadores de Burela e especialmente dos doutores Guillermo Aldama López (Unidade de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón); Miguel Ángel Martínez Olmos (Servizo de Endocrinoloxía e Nutrición do Hospital Clínico Universitario de Santiago) e Secundino Cigarrán Guldris (FEA Nefroloxía Hospital Público da Mariña), ademais de Rosaura Leis (Profesora Titular de Pediatría Universidade de Santiago; Coordinadora da Unidade de Gastroenteroloxía, Hepatoloxía e Nutrición Pediátrica do Hospital Clínico Universitario de Santiago; membro do Comité de Nutrición da Asociación Española de Pediatría (AEP) e Presidenta da Fundación Dieta Atlántica-USC).
Nesta nova edición do calendario aparecen reflexadas de novo as diferentes pesquerías que forman parte das frotas de OPP Lugo, como o palangre de fondo en augas europeas, que pesca con anzol unha a unha a pescada do pincho, a cabra de altura, a castañeta encarnada, a bertorella e o ollomol; o palangre de superficie no Atlántico, que pesca tamén individualmente o peixe espada e a tintorera; a frota boniteira do Cantábrico, que pesca os bonitos do norte ao Curricán, un a un con anzol; ou as frotas de cerco ou arrastre de litoral do Cantábrico, que traen cada día á lonxa de ABSA especies como a xarda, o chicharro, o galo e o peixe sapo.
Editáronse 3500 exemplares do almanaque, que se distribuirá desde a próxima semana entre os socios de OPP Lugo e ABSA, a través da Asociación de Exportadores Maioristas de Peixe da Mariña (ADEXMAR) e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo. A metade destes exemplares distribuiranse en Madrid e Barcelona entre os socios de FEDEPESCA (Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados).
Esta acción enmárcase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no seu plan de produción e comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.