Burela, 22 de decembro, 2020. A Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Armadores de Burela volven lanzar nestas datas de Nadal a súa xa clásica acción social, que este ano recibe o nome de “Mar de Solidariedade”, a través da cal distribuirán máis de mil racións de “Pescada do Pincho de Burela” entre diferentes colectivos da Mariña Lucense.
Este “Mar de Solidariedade” de OPP Lugo e ABSA consiste nunha acción social no nivel local, dirixida ás familias máis necesitadas de Burela; e outra a nivel comarcal, co xa tradicional reparto de peixe entre os centros de maiores do norte de Lugo.
En colaboración coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, OPP Lugo e Absa doarán por terceiro ano consecutivo unhas 630 racións de Pescada do Pincho de Burela que se repartirán na Mariña Lucense en 12 centros de maiores, entre residencias, apartamentos tutelados ou vivendas comunitarias; situadas en Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, O Valadouro, Viveiro e Xove.
Ao igual que en anos anteriores, o peixe será entregado para disfrutar nas ceas e comidas do Nadal ben en pezas enteiras ou cortadas en lomos, filetes ou rodaxas, segundo demanda cada centro.
Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e Pablo Fernández Asensio, Xefe Territorial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, visitaron a lonxa de Burela para agradecer esta iniciativa, onde estiveron acompañados por Abelardo Basanta e Miguel Neira, presidente e xerente de Armadores de Burela; e Juan José Otero e Sergio López, presidente e xerente de OPP Lugo.
Por outra banda, a través de Mulleres en Igualdade de Burela distribuiranse desde este martes 22 de decembro máis de 430 racións de pescada do pincho entre as familias máis necesitadas do concello, 94 unidades familiares que agrupan unhas 270 persoas atendidas en Burela.
Sergio López, xerente da OPP Lugo: “A merluza do pincho é a principal especie comercializada na lonxa de Burela, tanto en descargas como en vendas. Desde a OPP Lugo e ABSA estamos orgullosos de manter esta acción como un bonito regalo de Nadal para que tódolos nosos maiores nas residencias da Mariña Lucense e as familias máis necesitadas saboreen unha boa Merluza do Pincho para pechar este ano tan difícil para todos”.
Esta campaña englóbase dentro das accións de promoción da OPP Lugo incluídas no seu plan de produción e comercialización anual e contan coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo da Pesca.