Site icon Crónica3.com A Mariña

O ribadense Antonio J. Valín Valdés, elixido administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol

 Mondoñedo-Ferrol, 21 de decembro de 2020. O Colexio de Consultores de Mondoñedo-Ferrol, reunido ao mediodía de hoxe no Seminario Santa Catalina da cidade episcopal, elixiu a Antonio José Valín Valdés como administrador diocesano, para facerse cargo do goberno da diocese ata que a Santa Sé designe un novo bispo.

Tras a elección, Valín Valdés realizou a pertinente profesión de fe e, acto seguido, deuse comunicación á Nunciatura Apostólica.

Tal e como sinala o Código de Dereito Canónico, o administrador diocesano ten os deberes e goza da potestade do bispo diocesano, con exclusión de todo aquilo que, pola súa mesma natureza ou polo dereito mesmo, estea exceptuado. E contará para ese goberno coa colaboración do Colexio de Consultores.

Antonio J. Valín Valdés, cóengo desde 2018 da S. I. Catedral-Basílica da Asunción de Mondoñedo, naceu en Ribadeo en 1968 e foi ordenado sacerdote en Mondoñedo en 1993. En 2017, sendo xa arcipreste de Mondoñedo, foi nomeado vigairo episcopal de Evangelización. Foi membro do Consello de Goberno durante o episcopado de Mons. Das Heras Berzal, como tamén do Consello Presbiteral e do propio Colexio de Consultores. Pastoralmente, é membro do equipo sacerdotal da UPA de Foz.

Exit mobile version