Ribadeo, 19 de decembro de 2020. O profesorado do colexio Sagrado Corazón, de Ribadeo, manifestouse diante do centro contra a nova lei de educación, a LOMLOE, coñecida como a lei Celaá.
Esta mobilización foi convocada polos representantes no colexio da Federación de Sindicatos Independientes de Enseñanza (FSIE), que explican os motivos da protesta: “é unha lei tramitada a escondidas durante o estado de alarma que suprime a liberdade das familias para escoller a educación e o tipo de centro educativo que queren para os seus fillos, dereito que se recolle no Artigo 27 da Constitución. Polo tanto os pais que queiran mandar aos seus fillos/as ao Sagrado Corazón, como decisión totalmente lexítima, non poderán facelo porque a administración elixirá por eles. Outros puntos da lei cos que non estamos de acordo é a eliminación do castelán como lingua vehicular, a non limitación de suspensos para a obtención do título (co que se consegue destruír a cultura do esforzo e uns cidadáns mediocres), o peche dos centros de educación especial para aquel alumnado que o precise e cremos imprescindible que parte do currículo sexa común a todas as comunidades autónomas”.