O mandatario provincial lembra que os contratos coas tres empresas que desenvolverán estes traballos se asinaron o pasado martes e “xa están traballando nesta mesma semana, desenvolvendo unha primeira fase do proxecto, que consiste na inspección das instalacións eléctricas dos concellos para ver o seu estado, comprobar se é necesario cambiar algún elemento a maiores ou se cómpre renovar máis elementos para que as actuacións sexan o máis eficientes e óptimas posible”.
Engade Tomé Roca que igual que no caso de Monforte de Lemos, o persoal técnico tamén estivo na Pobra do Brollón. O persoal da Deputación responsable da execución do proxecto Ilumin@ e o persoal correspondente das empresas adxudicatarias desprazaranse aos distintos concellos que se sumaron a este proxecto para realizar os correspondentes replanteos para iniciar os traballos de instalación do material eléctrico o máis pronto posible.
No caso de Monforte de Lemos, acometerase a renovación do alumeado, iluminación e sinalización exterior das rúas Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Severo Ochoa e López Suárez, onde se renovarán 52 puntos de luz cun investimento de preto de 20.000€. Isto suporá un aforro de consumo de enerxía eléctrica do 84% nestas rúas, segundo refiren os informes técnicos.
Pola súa banda, no caso da Pobra do Brollón, o Ilumin@ contempla a mellora do alumeado público dos núcleos rurais de Piñeiros, Vilarmao e Castroncelos. Vanse renovar 44 puntos de luz cun investimento de preto de 11.600€. Neste caso, o aforro enerxético será do 54% con respecto á actual instalación.
Contrato en 3 lotes
O contrato para executar o plan de aforro enerxético Ilumin@ foi adxudicado en preto de 530.000€ e divídese en tres lotes, cada un por unha zona xeográfica da provincia. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses. O Lote 1 correspóndese coa zona norte e foi adxudicado á empresa Manuel Novoa Castro S.L.U. Inclúe os concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba.
No caso do Lote 2, relativo á zona centro da provincia, foi adxudicado á empresa Hallmann Energie, S.L., e correspóndese con: Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade.
Pola súa banda, o Lote 3 foi adxudicado á empresa Cyme Santos Héctor, S.L., e comprende aos concellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober.
O plan ILUMIN@
O plan Ilumin@ está dotado con 723.000€, dos que o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.
Con este plan, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que suporá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores.
Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.
O plan ILUMINA@ forma parte do obxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos municipios da provincia para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente.