Santiago, 23 de decembro de 2020. O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro demandou no Pleno do Parlamento galego que o Goberno central estableza un protocolo de actuación específico para os casos nos que se dean casos positivos de Covid-19 entre a tripulación dos barcos que cheguen aos peiraos galegos, definindo claramente as competencias e funcións de Sanidade Exterior e do Instituto Social da Mariña. “Se existiu unha administración ausente na atención e coidado dos homes e mulleres do mar durante a pandemia foi o Goberno central, unha situación que contrasta co feito pola Xunta, que sempre cumpriu e atendeu todos os casos que se presentaron”, salientou.
José Manuel Balseiro lamentou que “Galicia leva máis de oito meses esperando polo protocolo do Estado dirixido a establecer como se debe actuar ante os posibles casos de enfermos de coronavirus a bordo dos buques”
Neste sentido, lembrou que a Xunta trasladou en múltiples ocasións ao Goberno central a necesidade de contar con este protocolo de actuación “e en todas as ocasións recibimos o silencio por resposta”. Por este motivo, criticou que os socialistas galegos “veñan agora pedindo o que están negando a Galicia desde as administracións nas que gobernan”.
ACTUACIÓNS DA XUNTA
O deputado popular salientou que “antes de que se producira un caso positivo nun tripulante embarcado, a Xunta tomou cartas neste asunto”. Así, recordou que o 15 de marzo, un día despois de entrar en vigor o Estado de Alarma, “o Goberno galego ditou as recomendacións de seguridade e hixiene para evitar contactos a bordo, un documento útil e valorado polo sector que serviu para ter unhas liñas a seguir, especialmente mentres non houbese outras indicacións emitidas pola administración competente na prestación e atención sanitaria a bordo dos barcos”.
Ademais, a Xunta emitiu unhas pautas de actuación nas lonxas para manter a actividade con garantías e contribuír ao subministro de produtos do mar, ao tempo que puxo a disposición do sector máis de 50.000 máscaras e incluso prestou material aos buques do Instituto Social da Mariña.
José Manuel Balseiro explicou que o Instituto Social da Mariña, que pertence ao Estado, “ten competencias plenas no relativo aos recoñecementos médicos previos ao embarque, pero a dirección política dun goberno socialista abandonou aos mariñeiros á súa sorte”.
“O Goberno central nunca quixo facer os deberes, pero a Xunta sempre cumpriu e dispuxo dos seus propios protocolos para atender a calquera persoa que padecera Covid-19, incluídos os aspectos da corentena para aqueles contactos estreitos ou para os propios afectados”, manifestou o deputado popular, quen asegurou que “non hai un só caso que non fose atendido polo Sergas, mentres outras administracións estiveron desaparecidas e ausentes”.