Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP ribadense esixe ao goberno local un plan de seguridade para o colexio Sagrado Corazón igual que para o Gregorio Sanz

 Ribadeo, 1 de decembro de 2020. A vicevoceira do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Elena Sierra, esixe ao goberno local “un plan de seguridade para o colexio Sagrado Corazón igual que o que está en marcha para o colexio público Gregorio Sanz”.

A popular constatou que “existe un problema de seguridade á hora da saída do colexio dos nenos e nenas que asisten ao colexio Sagrado Corazón” despois de escoitar as queixas de varias familias con alumnos neste centro.

A popular sinala que “o noso grupo sempre apostou por apoiar aos dous centros aos que asisten nenos e nenas de Ribadeo, é dicir, a tódalas familias ribadenses”. Nese sentido, defende que “non se pode nin se debe abandonar aos nenos e familias que levan aos seus fillos a este colexio que non conta con ningún tipo de seguridade á hora da saída dos nenos”.

É por iso polo que “pedimos un plan de seguridade para ambos centros sen diferencias e, polo tanto, que se incorporen axentes da Policía Local para velar pola seguridade dos nenos e nenas que saen de estudar no colexio Sagrado Corazón”. É dicir, os populares consideran que “dende o goberno local se debe apostar e respaldar aos dous colexios por igual”.

Exit mobile version