O viceportavoz popular, José Antonio García, ve, unha vez máis, confirmados os seu temores iniciais acerca de que encomendar as zonas verdes a Tragsa suporía un incremento de custos. “Un incremento que, como vemos, se dispara e que, ademais, abre novos interrogantes para os que queremos explicacións”, di García.
Entre outras cuestións que están pendentes de aclarar, e para a que os populares reclaman explicacións de inmediato, é a da maquinaria. García declara: “No PP xa denunciamos que Tragsa estivo un ano utilizando a maquinaria de Suplusa sen que esta sociedade autorizase tal uso; preguntamos quen, no goberno da Deputación, deu permiso para que Tragsa usara as máquina de Suplusa e aínda non tivemos resposta”. E engade: “E agora resulta que a Deputación pasa a maquinaria que foi de Suplusa a Tragsa, pero xa de maneira oficial”.
A vista da situación, os populares, por boca de José Antonio García, preguntan ao goberno provincial se hai unha valoración da maquinaria que foi de Suplusa e que a Deputación traspasa a Tragsa. García sinala: “O primeiro que hai que dicir é que non temos nada claro que as máquinas sexan xa legalmente da Deputación; é dicir, non temos claro que estea completo o proceso de disolución de Suplusa e a incorporación pola Deputación dos seus bens”.
O segundo aspecto da mesma cuestión, explicado por García, é este: “Xa dixen que queremos saber se hai unha valoración da maquinaria que se traspasa a Tragsa. Pero tamén queremos saber como se relaciona economicamente ese traspaso co custo real para a Deputación”.
García declara: “Queremos explicacións de todos estes aspectos nada claros na relación entre a Deputación e Tragsa. Por outro lado, insistimos en que os traballadores de Suplusa que atendían as zonas verdes teñen que ser subrogados na Deputación, como os que foron os seus compañeiros na sociedade provincial, e non en Tragsa”