Os populares recordan que o actual director da granxa, Miguel Ángel Fernández, que foi alcalde socialista en Triacastela e é concelleiro nese municipio, participou no tribunal do proceso de selección no que saíron nos primeiros postos os seus compañeiros socialistas Sonia Verdes e Daniel Piñeiro. Consideran que non é ético que participe un cargo público (concelleiro) no tribunal.
Todo apunta, di o portavoz popular, a que algún destes ex cargos socialistas poidan, agora que están de primeiros, substituír ao señor Fernández na dirección da granxa, o que sería, realmente, “un caso de, non sei moi ben como dicilo, quizá como unha práctica de recría de cargos”. Insiste en que este asunto dana a imaxe da Deputación polas formas e a opacidade.
Os populares lembran que algunhas prácticas dos gobernos socialistas da Deputación xa foron denunciadas previamente polo PP. É o caso dunha ex concelleira de Lugo e ex deputada provincial con Gómez Besteiro. No seu día e tal como recolleron os medios de comunicación, o PP denunciou que a que fora man dereita do alcalde Orozco sumábase á Deputación como técnica de administración xeral, con carácter interino. O grupo provincial do PP sinalou entón que este caso supoñía “dar continuidade á axencia de colocación de amigos que tiña Besteiro”.