Lugo, a 22 de decembro de 2020. O goberno da Deputación Provincial (PSOE-BNG) recoñece, no comunicado no que pretendeu replicar á denuncia pública efectuada polo grupo popular sobre a falta de transparencia e de ética no proceso de selección de veterinarios para a granxa Gayoso Castro, que todo canto di o grupo provincial do PP en relación con este asunto é certo. O grupo provincial do Partido Popular sigue investigando, na liña da denuncia pública que fixo onte, e, en palabras do seu portavoz, Javier Castiñeira, “cantos máis papeis vemos máis coincidencias sospeitosas atopamos”. Engade que nesta investigación da lista provisional para veterinarios, na que quedou en primeiro lugar a ex deputada Sonia Verdes e como segundo o ex concelleiro de Medio Ambiente de Lugo, José Daniel Piñeiro, hai un aspecto moi chamativo: as dúas prórrogas que autorizou o goberno bipartito da xubilación do director da Granxa Gayoso Castro (concelleiro en Triacastela), coincidente con este proceso selectivo. Os populares lembran que en 2019 tamén tiveron que denunciar a entrada na Deputación dunha ex concelleira socialista que fora man dereita do alcalde socialista Orozco e deputada provincial con Gómez Besteiro.
Os populares recordan que o actual director da granxa, Miguel Ángel Fernández, que foi alcalde socialista en Triacastela e é concelleiro nese municipio, participou no tribunal do proceso de selección no que saíron nos primeiros postos os seus compañeiros socialistas Sonia Verdes e Daniel Piñeiro. Consideran que non é ético que participe un cargo público (concelleiro) no tribunal.
Todo apunta, di o portavoz popular, a que algún destes ex cargos socialistas poidan, agora que están de primeiros, substituír ao señor Fernández na dirección da granxa, o que sería, realmente, “un caso de, non sei moi ben como dicilo, quizá como unha práctica de recría de cargos”. Insiste en que este asunto dana a imaxe da Deputación polas formas e a opacidade.
Os populares lembran que algunhas prácticas dos gobernos socialistas da Deputación xa foron denunciadas previamente polo PP. É o caso dunha ex concelleira de Lugo e ex deputada provincial con Gómez Besteiro. No seu día e tal como recolleron os medios de comunicación, o PP denunciou que a que fora man dereita do alcalde Orozco sumábase á Deputación como técnica de administración xeral, con carácter interino. O grupo provincial do PP sinalou entón que este caso supoñía “dar continuidade á axencia de colocación de amigos que tiña Besteiro”.