Todo elo no referido ás rebaixas fiscais propostas polo Grupo Municipal Popular (GMP) para favorecer a recuperación dos autónomos e pemes de Burela. Neste sentido, contou coa colaboración inestimable, unha vez máis, do BNG, que tamén se postulou en contra de favorecer a reactivación da economía local mediante ditas rebaixas.
Na súa moción, o Grupo Municipal Popular solicitaba do Concello axudas directas compatibles con outras achegas doutras administracións para aqueles negocios que xustifiquen unha perda de facturación desde a data de declaración por parte da Xunta de Galicia do estado de emerxencia sanitaria. Tamén se solicitaba modificar as ordenanzas fiscais para dotar de máis liquidez a aqueles autónomos e pemes que están sufrindo unha perda de facturación desde o mesmo período.
Outra das solicitudes do GMP foi devolver as taxas de terraza desde o 13 de marzo, así como as contías do ICIO a quen non puido abrir como consecuencia da pandemia. Asemade, solicitaron modificar as ordenanzas fiscais reguladoras dos impostos sobre bens inmobles, actividades económicas e vehículos de tracción mecánica aproximándoas ao mínimo legal. No caso do IBI só se beneficiarían as persoas físicas ou xurídicas nas que concorra a dobre condición de titular do ben inmoble e responsable da actividade económica afectada polas restricións sanitarias.
Na mesma liña estaban as peticións relativas ás ordenanzas fiscais reguladoras das taxas polos servizos de subministración de auga, de saneamento e depuración de augas residuais, de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, ou pola utilización privativa e o aproveitamento especial de dominio público municipal establecendo unha exención total da que se beneficiarán aqueles autónomos e pemes con domicilio fiscal no concello que acrediten unha baixada nos seus ingresos ou unha perda de facturación nos seus negocios desde o 13 de marzo de 2020. Nas ordenanzas tamén propuxeron que recolla o aprazamento ou fraccionamento de pago de prezos públicos, taxas locais e impostos municipais.
O GMP considerou tamén que dende a administración municipal tamén hai que ser sensibles a aquelas solicitudes de ampliación de espazos para uso de terrazas ou para o seu aproveitamento. E, por último, os populares tamén ven oportuno, apoiar mediante campañas institucionais intensas ao tecido empresarial e comercial local axilizando o pago das facturas pendentes.
Dende o PP, están sorprendidos porque o alcalde socialista non estivera ao tanto dos fondos Next Generation Europe, que poden servir para apoiar a autónomos e pemes do municipio.
“O Sr. Llano e o Sr. Pillado volveron a facer das súas”
Noutra orde de cousas, tanto “o Sr. Llano como o Sr. Pillado volveron a facer das súas” ao introducir un punto de forma anómala, e sen previa comunicación, na orde do día, afirman dende o PP. E todo elo simplemente para politizar as lícitas reivindicacións do sector da hostalaría de Burela. “É lamentable”, indican os populares, “que se trate de sacar rédito político de todo canto acontece”. E seguen: “nós tivemos dúas reunións, previas á do Sr. Llano, co sector da hostalaría, a última este pasado luns. “Foron reunións discretas nas que se tratou de abordar de cara ao presente máis inmediato e, sobre todo, de cara ao futuro, as cuestións máis urxentes para o sector debido á difícil situación que están a atravesar, e todo elo sen fogos de artificio, sen prensa de por medio, para que ninguén puidera pensar que isto era algún tipo de manobra política”, manifestan.
Os populares conclúen: “pero,polo visto, o das manobras políticas, xa é exclusiva tanto do PSOE coma do BNG”.