Viveiro, 03 de decembro de 2020. No máis recente pleno celebrado pola corporación municipal de Viveiro, o PP conseguiu que o goberno local aceptara solicitar á Deputación un cambio de fin da subvención de 25.000 euros á que renunciou porque era para a Semana Santa e, debido a pandemia, non podía celebrarse o acto á que estaba destinada. Pero, para disimular o cambio de criterio aplicado polo goberno neste caso, os socialistas votaron en contra da proposta do PP. Así o destaca o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que di: “Non creo que haxa moitos casos nos concellos de España nos que a presidencia da corporación asuma unha proposta da oposición e vote en contra da moción na que se recolle; é inaudito e propio dun goberno que non sabe a que está”.
Rodríguez recorda que cando fixo pública a proposta para solicitar o cambio de fin da citada subvención, o goberno local saíu á palestra para dicir que en vez desa (25.000 euros) conseguira, para diversas finalidades, outra de 150.000. “Dixemos naquel momento e dixémolo tamén no pleno: unha subvención non ten que ver coa outra. Viveiro non está para perder achegas, neste caso unha de 25.000 euros. A outra e unha subvención que vén concedendo a Deputación, como xa fixo no ano pasado”.
Por outro lado, o PP logrou na máis recente sesión plenaria o voto unánime á súa proposta para solicitar á tesourería xeral da Seguridade Social a cesión da chamada Escola Vella de Celeiro, para acoller a Escola Oficial de Idiomas. Óscar Rodríguez sinala: “Como o PSOE está nas institucións para facer oposición á Xunta e a Feijoo, os socialistas intentaron emendar a nosa moción para solicitar, mentres non se produza a cesión, un local á Xunta de Galicia. Non aceptamos a proposta e finalmente, a nosa moción saíu adiante por unanimidade”. Engade Rodríguez: “Unha vez máis, o PP levou a iniciativa”.
Outro das propostas populares, en forma de rogo, foi para que o Concello faga as xestións necesarias para a consolidación e limpeza dun edificio da rúa Juan Donapetri, que ten na súa cuberta un verdadeiro bosque. Rodríguez declara: “Foi, esta do PP, unha iniciativa necesaria, porque, polas indicacións que se nos deron dende o goberno, houbo hai tempo xestións cos propietarios, pero non fixeron nada; o único que fan é pagar as multas que lles impón o concello, e iso non resolve o problema. A ver se, a raíz da nosa proposta, o goberno se pon a traballar en serio neste asunto”.