Lugo, 4 de decembro de 2020. O grupo provincial do PP lamenta a exhibición de prepotencia e incoherencia feita polo presidente da Deputación, o socialista José Tomé, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia para expoñer o orzamento da institución que preside para 2021. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, di que Tomé “deu unha imaxe moi mala da provincia e lamentamos que o fixese no Parlamento de Galicia, no que están representados todos os galegos”.
Castiñeira declara: “Despois de escoitar a comparecencia do presidente José Tomé no Parlamento de Galicia, presentando os orzamentos da Deputación do ano 2021, dende o PP só podemos lamentar e reprochar a súa actitude prepotente, coa que actuou no Parlamento que é a mesma coa que actúa na Deputación”. Esa forma prepotente de Tomé de estar nas institucións, segundo Castiñeira, “non representa aos lucenses, porque no se corresponde co carácter prudente que os distingue”.
O portavoz dos populares engade: “Na comparecencia no Parlamento apreciamos un Tomé, ademais de altivo, moi camaleónico e cambiante, sumido na incoherencia continua. Así, mentres aposta por un modelo de orzamentos de continuidade, que conxela o Plan Único e reduce o investimento na provincia, quere vender a todos os galegos que esa é a forma de saír da crise no ano 2021, algo que entendemos non ten pés nin cabeza”.
En opinión dos populares, “Tomé choca consigo mesmo cando presume das residencias da Deputación”. Castiñeira explica por que: “Actualmente hai oito construídas, das que seis as construíu Suplusa, unha entidade que o goberno presidido por Tomé acaba de disolver”. Un chiringuito (en definición do presidente Tomé) foi quen desenvolveu o modelo das residencias provinciais. Ademais son esas mesmas residencias que o propio presidente Tomé pide que as xestione a Xunta de Galicia; quere desprenderse delas para que sexan xestionadas polo mesmo modelo da Xunta, que acaba de criticar no propio Parlamento; é algo moi curioso”.
Os populares, por boca de Javier Castiñeira, recomendan “ao presidente Tomé máis coherencia, especialmente cando sae da provincia en representación de todos os lucenses”. Engade: “Non se pode defender ao mesmo tempo un modelo de orzamentos como o do Estado, apoiado por Bildu e no que se reduce o investimento na nosa provincia, e criticar o modelo de orzamentos da Xunta, que é quen máis inviste en Lugo e que sube ano tras ano, e, por outro lado, recomendar un modelo de presuposto como o da Deputación de Lugo, que conxela a cooperación cos concellos e reduce o investimento; isto é totalmente incoherente”. Castiñeira cre que a maneira de actuar de Tomé “dá unha imaxe moi mala da provincia e lamentamos que o fixese no Parlamento de Galicia, no que están representados todos os galegos”.