Site icon Crónica3.com A Mariña

O luns reanudaranse as escolas deportivas municipais de Burela, que estiveron suspendidas desde o pasado 7 de novembro

 Burela, 12 de decembro de 2020. O vindeiro luns, 14 de decembro, reanudaranse as escolas deportivas municipais de Burela, que estiveron suspendidas desde que se decretou o peche perimetral da vila o pasado 7 de novembro.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, explicou que “dado que a situación do covid na nosa vila mellorou e dado que se levantou o peche perimetral decidimos retomar as escolas deportivas municipais, que nos vimos na obriga de suspender a principios do pasado mes de novembro como medida de precaución e para minimizar o risco de posibles contaxios”.
O edil burelés dixo que “como xa comentamos cando decidimos cancelar temporalmente as actividades, que evidentemente todo este tempo que non se fan as actividades se vai compensar aos pais, ben devolvéndolles a taxa que pagaron ou ben ampliando o prazo das escolas deportivas ou calquera outra alternativa que poidamos facer”.
Fernández Rey engadiu que “as escolas volverán cumprindo con todos os protocolos covid en vigor en cada momento e seguindo as directrices e indicacións marcadas polas autoridades sanitarias”.

Exit mobile version