Otero lamentou que os Orzamentos amosen que “o sector da pesca e o marisqueo non sexan unha prioridade para o goberno de Feijóo”. Así, recriminou que a Consellería “non fixo valer o peso do mar no valor global das contas”, xa que o incremento porcentual das súas partidas “é moito menor que o destinado a outras áreas como, por exemplo, Deporte, que sube un 29%”.
A responsable socialista criticou uns orzamentos “continuístas” que “non fan unha aposta decidida para que o barco chegue a porto”. Así, destacou que “12 anos despois e 12 orzamentos despois, a aposta de Feijóo polo Mar son 48 millóns de euros menos que en 2009”.
Otero tamén incidiu na situación excepcional da covid, xa que ao principio da pandemia, “a propia Consellería do Mar non deixaba de instar ao goberno central de reclamar protocolos e, agora que teñen o temón, non están á altura das circunstancias”. Neste senso, lamentou que, a día de hoxe, aínda “non exista un protocolo claro para os casos de positivos en covid entre a tripulación dos barcos”.
A responsable socialista criticou que a partida de ensinanzas pesqueiras minguara, pese a que exista unha falla de relevo xeneracional e que “sigamos a perder traballadores no sector”. Ademais, lamentou a falla de aposta polo servizo de gardacostas, que “cada vez ten máis competencias e debe estar dispoñible 365 días durante as 24 horas”, pero malia que existe partida orzamentaria “non hai unha carreira profesional” e “non se cobren os postos vacantes” por baixas ou xubilacións.
Otero criticou que a Xunta “teña a sorprendente habilidade de vender, ano tras ano, nos Orzamentos, as mesmas obras e inversión”, o que reflicte que “en publicidade e propaganda aproban con matrícula de honra”, pero a realidade é que “son uns orzamentos de copia e pega porque copian e pegan aquilo que non se fixo nos anteriores orzamentos”.
Por último, Otero instou ao goberno a executar os Orzamentos na súa totalidade, xa que “cando vemos o grao de execución dos orzamentos doutros anos atopámonos con grandes sorpresas, como que en 2019 deixaron sen executar o 50% do crédito vixente e o 60% do crédito inicial”, aseverou. Así, lamentou que cada ano, “unha cousa é o que consignan, e outra a realidade”.