Santiago, 3 de decembro de 2020. O deputado do Grupo Popular Daniel Vega cualificou hoxe no Parlamento galego os orzamentos da Deputación Provincial de Lugo como “decepcionantes, porque, a pesar de que crecen máis de 700.000 euros, se reducen as partidas de investimento en tres millóns de euros”. “Busque o consenso para aprobar as contas da Deputación, para defender a unha provincia como Lugo con unha presión demográfica evidente e unha poboación das máis envellecidas de Galicia”, demandou.
Na comparecencia do presidente da Deputación de Lugo na Comisión 3ª do Parlamento para informar dos orzamentos da institución provincial, Daniel Vega comezou a súa intervención “felicitándoo por acudir a esta comisión parlamentaria a explicar os orzamentos da Deputación, unha situación que contrasta coa decisión que tomou algunha compañeira súa e que demostra a falta de criterio do seu partido”.
RECORTE DE SERVIZOS E AUMENTO DE GASTO CORRENTE
Vega criticou que os orzamentos da Deputación de Lugo representan “un recorte sistemático de servizos e un aumento desmesurado do gasto corrente, algo moi habitual nos gobernos bipartitos”. Así, apuntou que “están fóra da realidade da provincia porque, cando todas as administracións están aprobando orzamentos pensados en facer fronte á crise da Covid-19, a Deputación de Lugo está ausente na atención ás persoas e ás familias, no apoio aos autónomos, na axuda ás nosas industrias e ante os principais sectores produtivos da provincia”.
Así mesmo, lamentou que “vostedes nunca compren o que prometen” e lembrou que “no pacto de goberno entre o PSOE e o BNG había un compromiso de incrementar o Plan Único nun 25 por cento”. “Vostedes non o fan, e os dirixentes do BNG, como agora cobran do goberno, perdoan e esquecen”, indicou.
“Tampouco é prioridade o gasto social, e vémolo coas residencias, onde o modelo adoitado volve a ser incoherente e contraditorio co discurso que defende o PSdeG no Parlamento”, sinalou. Daniel Vega explicou que “no Parlamento o PSdeG fala de xestión directa con todos os servizos, mentres na Deputación de Lugo fan o contrario e teñen privatizado parte deles; ao tempo que externalizan servizos como os de atención directa aos propios maiores”.
Para rematar, o deputado popular manifestou que “triunfan os que queren baleirar de contido a Deputación como paso previo para pechala, e perden os lucenses en servizos e investimentos a cargo desta institución”.