O goberno municipal, por boca de Rodríguez Rico, di que o Bloque “dedícase continuamente a intoxicar e a facer ruído”, co único e lamentable resultado de danar a imaxe de proxectos bos para Mondoñedo, e de paso a imaxe do propio municipio.
A actitude dos nacionalistas, expresada por Eloi Cabanas, resultaría cómica se non fora polo dano que causa a Mondoñedo. A concelleira Rodríguez Rico sinala que, concretamente no caso do edificio do hospital Cabanela, o Bloque primeiro criticou a compra do edificio e agora censura a súa venda. A portavoz do goberno local di: “Parece que non saben moi ben por onde andan, porque din que apoian o proxecto, pero, ao mesmo tempo, intentan sementar dúbidas sobre o proceso de venda”.
A portavoz do goberno mindoniense destaca que, coas súas críticas, o nacionalista Eloi Cabanas “dana a imaxe dun proxecto social que xa creou 12 empregos en Mondoñedo e que vai xerar máis”. Para Rodríguez Rico está moi claro que, por moito que intenten convencer aos cidadáns de que o BNG mudou o certo é que, como se comproba a diario, “sigue instalado no non polo non”.
A portavoz municipal lembra tamén que cando o Bloque formou parte do goberno “coas súas discusións teóricas absurdas pecharon as portas a bos proxectos para a cidade”. Rodríguez Rico di: “Agora, con esta ultima rabecha, estase poñendo en fronte dos funcionarios do Concello, non dos políticos”.