Mondoñedo, a 15 de decembro de 2020. A diario se demostra que hai quen está en política sempre disposto a manifestarse en contra de canto dispoñan gobernos aos que son alleos. “Os do non”, en acertada definición de Manuel Fraga, practican en Mondoñedo unha penosa labor de oposición, coa que só conseguen danar a imaxe do municipio. Así o sinala a portavoz do goberno mindoniense, Ángeles Rodríguez Rico, que afea aos nacionalistas as dúbidas, totalmente inxustificables, que tentan sementar sobre o proceso de venda do edificio do hospital Cabanela.
O goberno municipal, por boca de Rodríguez Rico, di que o Bloque “dedícase continuamente a intoxicar e a facer ruído”, co único e lamentable resultado de danar a imaxe de proxectos bos para Mondoñedo, e de paso a imaxe do propio municipio.
A actitude dos nacionalistas, expresada por Eloi Cabanas, resultaría cómica se non fora polo dano que causa a Mondoñedo. A concelleira Rodríguez Rico sinala que, concretamente no caso do edificio do hospital Cabanela, o Bloque primeiro criticou a compra do edificio e agora censura a súa venda. A portavoz do goberno local di: “Parece que non saben moi ben por onde andan, porque din que apoian o proxecto, pero, ao mesmo tempo, intentan sementar dúbidas sobre o proceso de venda”.
A portavoz do goberno mindoniense destaca que, coas súas críticas, o nacionalista Eloi Cabanas “dana a imaxe dun proxecto social que xa creou 12 empregos en Mondoñedo e que vai xerar máis”. Para Rodríguez Rico está moi claro que, por moito que intenten convencer aos cidadáns de que o BNG mudou o certo é que, como se comproba a diario, “sigue instalado no non polo non”.
A portavoz municipal lembra tamén que cando o Bloque formou parte do goberno “coas súas discusións teóricas absurdas pecharon as portas a bos proxectos para a cidade”. Rodríguez Rico di: “Agora, con esta ultima rabecha, estase poñendo en fronte dos funcionarios do Concello, non dos políticos”.