Viveiro, 26 de decembro, 2020. Seguindo na liña do seu proxecto “Mulleres da Mariña”, que aposta pola dinamización e recoñecemento das mulleres do sector do mar neste territorio, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal presentou este sábado 26 de decembro o seu documental “A muller no mundo da pesca na Mariña Lucense”.
O vídeo documental ten unha duración de 64 minutos e conta con entrevistas a numerosas mulleres que ao longo dos últimos anos participaron activamente do mundo da pesca na Mariña Lucense. O obxectivo deste proxecto é dar a coñecer e por en valor o papel desempeñado pola muller ao longo da historia recente no mundo da pesca nesta contorna: un percorrido pola historia e a evolución das súas condicións laborais e sociais, e as súas inquedanzas.
O documental conta con catro partes ben diferenciadas: unha introducción histórica; a etapa do “labor sen valor” de comezos do século XX; os cinco principais “oficios tradicionais” da muller da Mariña; e finalizando con unha visión da “muller hoxe”, destacando a importante evolución do seu papel no mundo da pesca.
Os autores entrevistados na película son: Antón Niñe, profesor xubilado e autor da Exposición “A muller de Foz no seculo XX”; Herminia Pernas, historiadora e co-autora da “Historia da muller en Galicia”, traballo realizado pola Xunta de Galicia; e Vicente Míguez, profesor xubilado, e Carlos Nuevo Cal, Cronista oficial de Viveiro, autores do libro “Conserveiras de Celeiro, Vicedo, Bares e Barqueiro: a xénese industrial”.
Unha parte do documental céntrase nos cinco principais oficios ós que a muller da Mariña dedicou a súa ocupación, coa entrevista de 18 mulleres que ao longo da súa vida desempeñaron o traballo de bodegueira na descarga do peixe; pescantina coa venta porta a porta; as traballadoras da salazón e conserva; mariscadoras ou labregas do mar; e redeiras ou artesanas do mar.
Para destacar a importancia actual no sector da pesca interveñen 5 mulleres que se dedican profesionalmente a oficios de extracción, manipulación e comercialización, explicando as tarefas que desempeñan nas súas empresas. Precisamente algúns destes proxectos empresariais dirixidos por mulleres foron postos en marcha grazas ao apoio do GALP A Mariña-Ortegal.
Para salientar o papel da muller na administración, o documental conta, entre outras, coa participación da Directora Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez, que narra a súa experiencia vivida desde a súa infancia no porto de Foz ata o papel que desempeña na actualidade.
Debido ás condicións sanitarias actuais, a estrea deste documental celebrouse de maneira virtual, e xa está disponible para ver libremente en Youtube:
[Ver vídeo teaser: https://youtu.be/j5ll-D3aOgA ]
[Ver documental: https://youtu.be/sshSvyEjN_0 ]