Viveiro, 23 de decembro, 2020. Seguindo na liña do seu proxecto “Mulleres da Mariña”, que aposta pola dinamización e recoñecemento das mulleres do sector do mar neste territorio, o Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) A Mariña-Ortegal presenta este sábado 26 de decembro o documental “A muller no mundo da pesca na Mariña Lucense”.
O vídeo documental ten unha duración de 64 minutos e conta con entrevistas a numerosas mulleres que ao longo dos últimos anos participaron activamente do mundo da pesca na Mariña Lucense. O
obxectivo deste proxecto é dar a coñecer e por en valor o papel desempeñado pola muller ao longo da historia recente no mundo da pesca nesta contorna: un percorrido pola historia e a evolución das súas condicións laborais e sociais, e as súas inquedanzas.
A reportaxe conta con imaxes de arquivo e actuais, coa colaboración de diferentes autores que nos últimos anos participaron en traballos de recuperación da memoria e, sobre todo, coa intervención das principais protagonistas: as mulleres do mar.
A muller sempre desempeñou unha importante labor no desenvolvemento económico do sector pesqueiro. A súa función a pé de porto, así como os oficios levados a cabo por mulleres, son o principal argumento deste vídeo, no que se recollen testemuñas de pescadoras, peixeiras e redeiras, mariscadoras, mulleres que participan nos labores de descarga e estiba do peixe, traballadoras da industria conserveira, así como mulleres empresarias e emprendedoras.
Debido ás condicións sanitarias actuais, a estrea deste documental celebrarase de maneira virtual, e estará disponible en Youtube desde este sábado 26 de decembro ás 12:00h.