Site icon Crónica3.com A Mariña

O Festival de Nadal da EMMeD de Ribadeo este ano será virtual. O 22 de decembro, a través da web e das redes sociais, poderanse ver as gravacións realizadas nas últimas semanas

 Ribadeo, 20 de decembro de 2020. A Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) de Ribadeo terá un mes de decembro intenso en canto a actividades a pesar da situación sanitaria actual.
Durante o Mercadiño de Nadal, que organiza o Concello de Ribadeo, varias agrupacións da EMMeD farán micro concertos en diferentes puntos da vila, ambientando así o propio Mercado e o comercio e hostalería ribadenses. Iso ocorreu os días 19 e 20 de decembro e continuará os días 26 e 27 de decembro.
Por outra banda, na EMMeD decidiuse, por precaución e dadas as restricións actuais de aforo, non celebrar o tradicional Festival de Nadal. A sabendas de que este festival xunto co de fin de curso son os que máis éxito teñen tanto entre o alumnado coma entre o público, o 22 de decembro vaise publicar, tanto na páxina web da EMMeD coma nas redes sociais, un “festival virtual”, que diferentes especialidades gravaron ao longo destas semanas.
Desde a Escola “queremos agradecer a toda a comunidade educativa o comportamento exemplar no centro, cumprindo estritamente todas as normas indicadas nos protocolos. Así mesmo, resaltar unha vez máis, o apoio incondicional que desde a Concellaría de Ensino se brinda á EMMeD”.

Exit mobile version