Mondoñedo, a 19 de decembro de 2020. O Concello de Mondoñedo e a asociación de comerciantes presentaron este sábado o vídeo de promoción do comercio local #regalamondoñedo, con motivo da campaña de Nadal. Esta peza audiovisual creada para a súa difusión a través das redes sociais pretende potenciar o comercio de proximidade durante estas datas e contribuír a “concienciar de que se merque preto”.
O Concello apoia esta campaña e convida aos veciños e visitantes a mercar durante este Nadal nos comercios de Mondoñedo e consumir produtos de Mondoñedo. Insisten, dende o goberno local, “na importancia de coidar o noso, especialmente nun momento complicado coma o actual” debido á pandemia do coronavirus que afectou a todos en xeral e aos pequenos negocios, o comercio e a hostalería local en particular.
Por iso, “máis ca nunca, debemos apoiar aos nosos veciños que traballaron durante o confinamento da pasada primavera coidando os seus produtos ou garantindo a atención nos comercios para abastecernos de produtos básicos”, segundo manifestan dende o goberno local.
#regalamondoñedo
Subliñan dende o Concello “o trato cercano dos comerciantes” e destacan “a calidade dos produtos agroalimentarios de Mondoñedo”. E, así mesmo, poñen en valor outros atractivos do concello coma a artesanía local ou os seus recursos patrimoniais.
De feito, a peza audiovisual recolle imaxes do concello, dos seus produtos da horta, do seu patrimonio histórico-cultural ou dos seus produtos gastronómicos máis emblemáticos como son a tarta ou o pan de Mondoñedo. O vídeo recolle tamén imaxes de artesáns do barro e da pedra.
“Este Nadal saborea o mellor da túa terra, disfruta co seu patrimonio, coa súa gastronomía e coa súa artesanía, con detalles de cercanía que axudan ao que tes ao teu carón. Este Nadal, regala Mondoñedo”.
Valorar o noso
Con esta campaña, o Concello de Mondoñedo continúa desenvolvendo distintas accións de promoción e apoio ao comercio local. O ano pasado, en colaboración coa ACIAM, elaborou unha guía do comercio local que recolle máis de 300 negocios do concello para dalos a coñecer entre os veciños co obxectivo de “potenciar o comercio de proximidade e valorar o noso”.
A guía completa está dispoñible no seguinte enderezo web: http://www.concellomondonedo.es/portal_localweb/RecursosWeb/DOCUMENTOS/1/Guia_do_comercio_local.pdf.