Viveiro, 22 de decembro de 2020. O Concello de Viveiro obtivo esta mañá o compromiso por parte de Xunta de axilizar os trámites necesarios para a oficialización do Camiño do Mar.
Na mañá de hoxe, a directora xeral de Patrimonio Cultural a Xunta, María del Carmen Martínez Insua, mantivo unha reunión telemática coa alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro, e os concelleiros Jesús Fernández, tenente de alcalde, e María Soledad Rey Yáñez, concelleira de Turismo. Tamén participou Manuel Vicente González, presidente da Asociación Camiño do Mar.
O obxectivo da reunión era coñecer o estado da tramitación e a disposición de levar a cabo a oficialización do Camiño do Mar no próximo ano Xacobeo 2021.
Sendo competencia da Xunta de Galicia o referido recoñecemento oficial, dez anos despois da súa aprobación polo Parlamento, a directora xeral de Patrimonio Cultural comprometeuse a estudar o caso e a darlle celeridade para a posible oficialización.
Manuel Vicente González, presidente da Asociación Camiño do Mar, enviaralle de novo toda a documentación para axilizar o recoñecemento, que suporá un impulso á comarca, e en particular a sectores como a hostalería e o comercio.