Viveiro, 3 de decembro de 2020. O Concello de Viveiro informa que, segundo os datos facilitados na reunión que tivo lugar onte convocada pola Consellería de Sanidade, a día de hoxe hai un total de 6 casos activos por COVID-19 no municipio. Esta cifra supón un descenso dos casos activos no concello, xa que o pasado luns 30 de novembro había 9 casos activos en Viveiro.
Estes datos implican tamén que a incidencia en Viveiro por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días sexa dun 0%, e nos últimos 14 días dun 19,4%. Dende o goberno local valoran positivamente que non se detectara ningún novo positivo entre a veciñanza dende hai dúas semanas, o que se traduce nun éxito do esforzo da cidadanía por cumprir as medidas sanitarias.
Segundo valora o Concello de Viveiro, a evolución dos datos está sendo boa no municipio, polo que piden de novo un estrito cumprimento das medidas para continuar con esta tendencia á baixa dos contaxios.
O goberno local incide en non baixar a garda de cara á ponte festiva desta fin de semana e á proximidade do Nadal.
Dende o Concello de Viveiro piden aproveitar as actividades propostas, como o acendido das luces desta fin de semana ou o belén “Viveiro ante o berce”, apelando á responsabilidade individual para non esquecer as medidas de seguridade sanitaria.