O alcalde, Fernando Suárez, contou que “estamos nestes días coa licitación do servizo de limpeza en dependencias municipais, dado que venceu o prazo do contrato anterior. Agora temos que licitalo de novo e nesta nova licitación temos tamén que adaptármonos á nova lexislación de contratos, que é máis rigorosa nos aspectos sociais e laborais, polo que vai supoñer un incremento do custo con respecto ao que víñamos pagando”.
O rexedor explicou que “en total son trece dependencias de maneira ordinaria, nas que vai ser necesario aplicar os tratamentos e as frecuencias que determinamos nos pregos de cláusulas técnicas, e entre elas están o Concello, o colexio Gregorio Sanz, o auditorio, a Casa do Mar, o albergue, a Casa do Viejo Pancho, as oficinas de turismo, os campos de fútbol no que ten que ver cos vestiarios e cos aseos, os pavillóns polideportivos e o ascensor panorámico”.
Suárez Barcia engadiu que “determinados neste contrato unha duración de tres anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano, baixo o modelo do contrato de servizos, que é o modelo técnico que escollemos. O importe anual, con ive incluído, é de 215.707 euros, o máximo que podemos pagar. De aí que, segundo os criterios técnicos que establecemos nos pregos, as empresas interesadas para facer as ofertas teñen toda a información na plataforma de contratos do Estado e tamén na páxina web do Concello, significándolles a todas que o prazo de presentación vai rematar o vindeiro 4 de xaneiro”.