Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz prepara para o domingo 27 un concerto ao máis alto nivel a cargo do grupo Suakai

 Foz, 19 de decembro de 2020. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “o domingo 27 de decembro poderase gozar en Foz da mellor música. O grupo Suakai levará ao escenario da sala Bahía a mellor música en directo, con instrumentistas ao máis alto nivel. O espectáculo, que leva por nome Luces, música, ¡acción!, traslada a emoción do cine á sala focense con bandas sonoras orixinais en directo.
Inés López explica que “nos 75 minutos que dura o público poderá gozar dunha viaxe a través das bandas sonoras máis relevantes e atractivas da historia do cine. Todas elas acompañadas de imaxes e luces, sincronizadas coma na gran pantalla”.
A edil de Cultura recomenda “a asistencia ao acto central da nosa programación de Nadal, que está cargada de pequenas sorpresas para todos, pequenos e grandes, pero con este concerto queremos achegar á xente de Foz algo diferente, sendo ademais un espectáculo para toda a familia e de gran calidade”.
O acto desenvolverase na Sala Bahía en dúas sesións, ás 18 e ás 20 horas, para que se poida achegar máis xente, debido aos reducidos aforos necesarios para cumprir todas as medidas hixiénicas e sanitarias anticovid. O prezo do espectáculo será de 5 euros. A reserva das entradas faise no teléfono 982.140.027, extensión 3”.
O Concello de Foz organiza este evento ao que prestou a súa colaboración a Fundación Bal y Gay, para unha maior difusión da cultura musical.

Exit mobile version