Burela, 15 de decembro de 2020. O Servizo de Medio Ambiente do Concello burelés está a facer un seguimento e control exhaustivo da xestión dos residuos voluminosos -enseres, mobles, etc -, por parte da cidadanía e está a detectar graves e reiteradas irregularidades, segundo informan no día de hoxe as Concellerías de Obras e Servizos e Medio Ambiente.
Toñi Eijo, concelleira de Medio Ambiente, subliña que “sen prexuízo das eventuais conclusións que se vaian acadar con estas actuacións de control por parte do referido servizo, nestes últimos meses do ano estase detectando un comportamento grave e reiterado de depósito incontrolado e ilegal de enseres, mobles e residuos voluminosos domésticos tanto nas vías públicas do municipio, como nos ámbitos máis sensibles desde o punto de vista medio ambiental, como son os montes, os camiños rurais e outras zonas de indubidable valor natural e paisaxístico”.
A edil burelesa sinala que “é evidente que este modo de actuar por parte dunha minoría da cidadanía deste Concello, afecta a toda a colectividade por que, ademais de xerar un importante trastorno ao servizo municipal de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza, determina graves molestias derivadas da situación de insalubridade creada e tamén un grave impacto ambiental sobre o noso medio”.
O concelleiro de Obras e Servizos, Ramiro Fernández, lembra novamente que “a recollida de enseres, mobles e voluminosos domésticos por parte da empresa adxudicataria do servizo municipal de recollida de residuos sólidos urbanos – URBASER, S.A. -, ten lugar de luns a venres, das 8 ás 11:15 horas da mañá, debendo as persoas interesadas en recibir dito servizo de forma adecuada e legal requirir á devandita empresa a prestación do mesmo con anterioridade a que estes sexan depositados na vía pública”.
E reitera que “o Concello dispón dun servizo de punto, tanto fixo como móbil, a través do cal se facilita á veciñanza a posibilidade de realizar o depósito separado de certas fraccións de residuos que non poden ser eliminados co resto de residuos domésticos, tales como aceites minerais, aerosois, baterías, pilas, cartuchos de tinta de impresoras, pinturas, etc”.
Toñi Eijo e Ramiro Fernández insisten en que “a veciñanza simplemente ten que chamar ao número de teléfono 626 763 142, para requirir á empresa responsable a prestación de ditos servizos. E será a empresa a que lles facilitará a información necesaria e o modo adecuado de proceder para unha mellor e máis eficiente xestión dos referidos residuos”.
O edís bureleses engaden que “tanto a Policía Local, como o propio Servizo de Medio Ambiente, velarán polo cumprimento da normativa en materia de xestión de residuos e, neste sentido, débese advertir que o Concello de Burela, non dubidará en sancionar a todas aquelas persoas que a infrinxan, nomeadamente ás persoas que abandonen, vertan ou eliminen de forma incontrolada calquera tipo de residuo doméstico; feito este último que podería determinar a imposición dunha multa de 603 ata 2.000.000 euros, segundo se poña ou non en perigo grave a saúde das persoas, ou se produza un dano ou deterioración grave do medio ambiente”.