Burela, 4 de decembro, 2020. O BNG de Burela defendeu no pleno celebrado este pasado Xoves a volta á atención presencial na atención primaria para dar resposta tanto as demandas de atención polo Covid19, pero tamén para o resto de patoloxías. En verbas do voceiro do BNG, Mario Pillado, “Cremos que para iso é preciso aumentar o persoal necesario para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis. E coma sempre, para este tipo de medidas, hai que por cartos enriba da mesa. Todo o mundo se enche a boca defendendo os servizos públicos, a súa mellora e o seu reforzo, pero á hora da verdade, cando hai que poñer os medios, vemos como non todo o mundo rema no mesmo sentido como ocorreu neste pleno onde o PP se negou a apoiar a moción”. En liña con isto, nunha moción en contra da violencia machista, defendida pola concelleira do BNG, Dori González comentou que “nos extrana que no parlamento galego o PP se negara a comprometer o 1% do orzamento da xunta en loita contra esta lacra e no Concello de Burela acheguen propostas sobre formación, posto que para a formación neste eido son necesarios medios económicos; aínda que nos aceptamos de bo grado tódalas propostas para acabar coa violencia machista”.
Por outra banda, Pillado engadiu que “cremos tamén fundamental modificar o Decreto que regula as Areas e os Distritos Sanitarios para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos. Roubáronnos a área sanitaria e agora sería de moita utilidade para esta situación”.
Para o BNG, estas medidas tamén serven de axuda para que non se volte a pechar a hostelería.
Neste pleno, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, deu conta da reunión mantida co colectivo de hosteleirxs da vila o martes. Mais aló do apoio ás demandas do sector que os nacionalistas sempre fixeron, dende Marzo cando solicitaron que os técnicos municipais revisaran dende o punto de vista legal que taxas e impostos se podían revisar para que non afogaran o tecido socioeconómico, para o voceiro do bloque “reforzar o sistema sanitario tamén lle serve á hostelería. Non podemos renunciar ás demandas no eido sanitario porque non podemos darlle as costas á veciñanza de Burela que tanto loitou pola nosa sanidade pública, pero nesta situación, sobre todo non podemos deixar tirada á nosa hostelería. A mellor axuda para o sector sería non tela pechado nunca, levantar o peche perimetral e o toque de queda que nunha vila coma Burela, so serven para perxudicar este tipo de negocios. E para asegurar que non haxa mais peches na hostelería e noutros sectores é preciso un sistema sanitario forte e ben dotado”.
Según Pillado “tamén nos chama moito a atención, que o Partido Popular traia unha moción que foi presentada tamén nun concello da comarca fai unhas semanas dicindo que recolle as demandas da nosa hostelería tras reunirse con ela. Mesmo falaban de fondos europeos que aínda nin se sabe cando, canto nin como van chegar ós concellos. Moitas das súas demandas precisaban de informes técnicos para valorar a súa viabilidade, por iso nos abstivemos”.
Para finalizar ,o voceiro do BNG, Mario Pillado sentenza que “vemos moita demagoxia e pouca seriedade con respecto ás competencias de cada administración por parte dos populares, posto que en materia económica o Estado e a Xunta de Galiza son os responsables e competentes. Sobre todo porque logo non apoian o aumento orzamentario en sanidade (e tampouco en loita contra a violencia machista) que insistimos en que tamén serve de axuda ó noso sector socioeconómico”.