Viveiro, 22 de decembro, 2020. Anos leva a problemática nas zonas máis sombrías do paseo fluvial do Landro onde, por consecuencia das xeadas, é moi doado esvarar e mancarse, facendo incluso imposíbel o seu tránsito en varios treitos do mesmo.
Un fermoso paseo que ademais de ofrecer benestar veciñal, da servizo comunicando á veciñanza de Portochao, Magazos, Xunqueira e Viveiro, así como de acceso a fincas particulares, pero que na situación na que se atopa obriga á veciñanza a transitar por outras zonas ou incluso a improvisar camiños nas súas marxes para poder pasar.
Tras anos sen solucións, María Loureiro dixo en pleno ser coñecedora desta problemática e incluso confirmou que o Concello ten as competencias en mantemento, seguridade e condicionamento deste paseo fluvial, algo que xa era coñecedora a concelleira do BNG, Míriam Bermúdez, e que por iso levou esta demanda ao pleno municipal mesmo propoñendo unha solución que noutros concellos con problemas similares está a funcionar de maneira positiva.
Mais a alcaldesa desbotou a proposta do BNG de forma fulminante chegando a dicer que “para pasear basta co tramo que discorre de Viveiro até A Veiga”, o cal supón escasamente 1,5km dun total de 7km que ten este paseo, “unha resposta canto menos surrealista” confirmou Míriam Bermúdez, “e que pode provocar que nun futuro as administracións se pensen dúas veces se investir en Viveiro polo nulo mantemendo das infraestruturas nas que se comprometeu o propio Concello.” Por desgraza, esta falta de mantemento provoca o deterioro acelerado das infraestruturas públicas.
“Co PSOE de Viveiro o rédito político sempre está por riba do benestar veciñal” asegurou Míriam Bermúdez, “as iniciativas do BNG veñen con solucións e propostas en positivo, mais parece que o único que pensan é en cómo desbotalas para votar en contra delas, e incluso se as fan evitan mencionar ao BNG, como foi o caso da cesión da casa de Calvo Sotelo de AFA.”
Míriam Bermúdez rematou enviando unha mensaxe á veciñanza de Viveiro de esperanza cara o futuro: “non se poden antepoñer os réditos políticos ao benestar veciñal, podedes estar seguros e seguras de que o pasotismo, e a falta de rigor e de respecto á veciñanza por parte do PSOE, nunca se vai trasladar ao BNG”.