Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acada un acordo para mellorar a dixitalización no rural e pide ao goberno galego firmeza na súa posición na xestión directa dos fondos europeos

Santiago de Compostela, 16 de Decembro 2020. O deputado do BNG, Daniel Castro defendeu hoxe unha proposición non de lei na Comisión de Industria para mellorar a dixitalización no rural.

O acordo que contou co apoio do Partido popular e a abstención do Partido socialista insta á Xunta de Galiza a dirixirse ao goberno do Estado para que estableza os mecanismos económicos e legais para que a Galiza rural exista unha cobertura de TDT, de conexión móbil e de conexión a internet con banda ancha que non estableza diferenzas entre as persoas, empresas ou particulares polo lugar no que vivan, máxime cando haberá fondos europeos para o período 2021-2027 que permitirán este impulso. Ademais, o acordo inclúe que o Parlamento inste á Xunta de Galiza a impulsar os mecanismos, en colaboración co goberno do Estado e non deixar a Galiza atrás no reparto dos fondos europeos e na súa aplicación no rural.

Na defensa da proposta do BNG, o nacionalista insistiu na necesidade de implementar a dixitalización nos territorios para fomentar as relacións, tanto sociais como profesionais e económicas e no caso de Galiza, a dispersión xeográfica, a orogragía, as distancias entre grandes grupos de poboación fan urxente mellorar as conexións e cobertura.

Para fixar poboación no rural, engadiu Daniel Castro, deben primar políticas que fomenten os negocios, a distribución dos produtos e que “poidan gozar dunha velocidade na navegación” igual ou semellante ás das vilas e cidades. “O rural necesita canles de comunicación físicas pero tamén precisa de canles dixitais” recalcou o nacionalista.

O deputado lembrou que a pandemia provocou a eliminación dun gran número de postos de traballo en todos os sectores e visibilizou os problemas que xa existían antes. Neste sentido, referiuse “a fenda tecnolóxica” que imposibilita a moitos rapaces e rapazas contar cos mesmos dereitos educativos segundo o lugar no que residan. O nacionalista explicou que ante a nova realidade, Europa está a traballar pola “Digital Transformation á que ten previsto destinar 9.200 M€ Esta cantidade está “teoricamente” orientada a transformar a sociedade e a economía en Europa cara á dixitalización. De igual maneira tamén se está a falar de 3.000 millóns de € para financiar a infraestrutura da conectividade dixital, aseverou.

Galiza non pode quedar fora do reparto de fondos europeos

Partindo de que para poder levar a cabo políticas de dixitalización hai que ter algo para dixitalizar ,persoas , escolas, empresas, tecido produtivo no rural está claro, que “Galiza non pode quedar fóra”. Galiza nos fondos europeos, ten que ter “unha posición forte, unha posición de país para recibir os fondos necesarios, que por desgraza, ao partirmos de tan atrás é moito, e sobre todo se falamos da dixitalización do noso rural”.

Dani Castro aludiu ao uso de Internet nos últimos tres meses e aínda que pareza parecer anecdótico, evidencia que en Galiza a descompensación no tocante ao acceso e emprego da internet é claramente “alarmante”. Galiza é o territorio do Estado español que peores datos presenta no uso de internet, o 87,4% da poboación galega de entre 16 e 74 anos usou internet nos últimos tres meses, case seis puntos menos que a media de territorios do Estado español (93,2%), sendo ademais o “único que non supera a barreira do 90% segundo os datos do INE”, concluíu.

Exit mobile version