Site icon Crónica3.com A Mariña

“Non á Loapa fiscal”, por Xabier Grandío

As persoas dunha certa ideade lembrará a Ley Orgánica de Harmonización del Proceso Autonómico (LOAPA), un invento fillo da tentativa golpista do 23-F argallado conxuntamente pola gobernante Unión de Centro Democrático (UCD) e o Partido Socialista Obrero Español (PSOE). A idea era “harmonizar” o proceso autonómico, o que na práctica supoñía minorar o ritmo das transferencias até conxelalas nalgúns casos.

Aínda que o Tribunal Constitucional (TC) chumbou os aspectos máis lesivos da lei en 1983, a LOAPA sentou un precedente perigoso: abonda cunha lei orgánica para “interpretar” o Estado das Autonomías até conxelalo se é preciso. Corenta anos despois, estamos nunha encrucillada semellante, pero cun perigo claro de involución. O espírito, sen embargo, é o mesmo.

O proxecto aprobado recentemente de Orzamentos Xerais do Estado inclúe un estudo para revisar a tributación co obxecto de harmonizala, baixo o argumento dun suposto dumping fiscal que aplica a Comunidade de Madrid. Eu non vou defender a Isabel Díaz Ayuso, pero esta medida, que é posible mediante cambios lexislativos non moi complexos, suporía un golpe contra a cativa autonomía fiscal das Comunidades Autónomas (CCAA) de réxime común, entre elas Galicia.

A idea sería poñer uns límites inferiores (e superiores) de tributación, o que suporía eliminar a posibilidade de bonificar un tributo ao 100 % como se fai nalgúns territorios. Isto aplicaríase nos tributos estatais, tanto propios como cedidos ás CCAA. Esta medida, na práctica, suporía unha contracción ás potestades normativas que teñen os territorios.

Pero é que, ademais, cómpre dicir que os argumentos que se esgrimen para a devandita harmonización son falsos. Paso a explicar por que:

1. Os tres tributos máis importantes en volume de recadación, con moita diferenza sobre os demais, son o IRPF, o IVE e o Imposto de Sociedades, por esta orde. Pois ben, as CCAA só teñen potestade normativa (que non de recadación) sobre o 50 % do IRPF, o denominado tramo autonómico. O resto dos tipos de gravame son estabelecidos directamente polo Estado nas CCAA de réxime común, coas excepcións de Canarias, Ceuta e Melilla.

2. O groso da recadación fiscal depende da estatal Agencia Tributaria (AEAT), non da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga). Comparemos as cifras de recadación correspondentes a Galicia en 2019: 7.646 millóns de euros no primeiro caso, 594,8 millóns no segundo. Isto significa que os impostos sobre os que Galicia ten capacidade de decisión total como o de Sucesións e Doazóns, Transmisións Patrimoniais, Actos Xurídicos Documentados ou Patrimonio teñen unha importancia residual. Algo similar acontece no resto de CCAA de réxime común.

3. É certo que a Comunidade de Madrid ten unha fiscalidade algo máis baixa que os outros territorios de réxime común grazas ao efecto da capitalidade, pero o resto das autonomías compensan as baixadas nuns tributos con subas noutros. Galicia ten un Imposto de Sucesións baixo, pero en cambio o Imposto de Transmisións Patrimoniais está na banda alta da recadación. En definitiva, cada territorio cadra as contas como pode e, se facemos a media entre todos os tributos, non hai situacións estrañas que xustifiquen esa harmonización, nin tan sequera en Madrid.

A autonomía fiscal de Galicia ten que defenderse por calquera persoa comprometida co poder de decisión do país. O debate non está, para min, en se hai que pagar máis ou menos impostos porque o galeguismo é plural (máis do que parece ás veces) e hai opinións contrapostas sobre o que hai que recadar e en que medida. Agora ben, o que non é negociable é que a capacidade de decisión que temos agora os galegos para determinar a política fiscal, por pequena que sexa, é intocable.

En consecuencia, as organizacións que crean no autogoberno de Galicia teñen que dicir “non” á esta LOAPA fiscal. O actual sistema de financiamento autonómico está obsoleto e precisa dunha mudanza, pero hai que rexeitar sen matices calquera medida tendente a reducir a capacidade normativa das CCAA.

Exit mobile version