Aliás, o proxecto deixa moitas incógnitas, especialmente sobre a posibilidade de que os custos que se detraerán da tarifa para a industria electrointensiva (como é o caso das primas ás renovábeis) poida ser repercutido -aínda que sexa de maneira indirecta- ao conxunto dos consumidores e consumidoras, en vez de seren asumidos polos Orzamentos do Estado, como defende o BNG.
As alegación presentadas pola fronte nacionalista defendían subir até 100% as bonificacións de custos como os extrepeninsulares (que fican en 85%) ou os de transporte para países produtores excedentarios de enerxía eléctrica como a Galiza. Parece de sentido común que quen produce e asume os custos sociais e ambientais poida beneficiarse desa produción que, ademais, se sitúa preto das empresas e persoas consumidoras.
Insuficiente tamén a compensación por CO2, para o que se dota un fondo de 200 millóns de euros, en vez de o subir até os 300 millóns que permitiría a Unión Europea, coa agravante de que, ao relaxar as condicións para acceder á cobertura do Estatuto se pasou de pouco máis de 100 empresas a máis de 600, o que prexudica o sector no noso País.
Tampouco o Estatuto estabelece de maneira clara e suficiente as exixencias para as empresas beneficiarias no que ten a ver co compromiso de mantemento e do emprego e da actividade ou para a modernización que redunde en maior eficiencia e redución do consumo de enerxía.
O deputado nacionalista advirte que este proxecto non dará solución á crise da industria electrointensiva na Galiza, que implica risco de perder 5.000 postos de traballo, e sinala que o Goberno “está a incumprir os compromisos establecidos que tiñan por obxectivo garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo”. Rego asegurou que o BNG seguirá traballando para que finalmente poida haber un Estatuto á altura das necesidades.