Ribadeo, 5 de decembro de 2020. Media ducia de novos locais se adheriron á nova fase das Panchas que se prolongará ata o vindeiro 5 de xaneiro. Onte, venres, foron adquiridos máis de 500 packs da moeda local de Ribadeo na oficina de Abanca.
Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local lembra que “o espírito deste programa é fomentar e promover o comercio local a través dunha subvención directa ao consumo e que se distribúa dunha maneira ordenada entre as persoas consumidoras nos establecementos adheridos ao programa. De aí que se artellase en pequenas cantidades, 30 euros cada pack, o que supón 40 panchas/euros como gasto de compra”.
E subliñan que “na primeira fase desta edición das panchas foi detectada a compra masiva de packs por parte dun grupo de persoas, polo que entendemos que se trata dun uso indebido, que desvirtúa e racha co espírito da iniciativa”.
Desde o departamento que dirixe Pablo Vizoso, e de acordo con Acisa e con Abanca, “para evitar que estes feitos volvan producirse haberá de novo límite de adquisición de packs por persoa e DNI. O número máximo serán 10 packs”. E insisten en que “segue vixente a limitación do gasto de 80 panchas por compra”.
Desde o Concello lembran que a ampliación da campaña das Panchas ata o 5 de xaneiro supón tamén unha ampliación da dotación económica en 20.000 euros “o que significa 2.000 packs mais e un total de 57.000 euros durante a segunda edición da campaña máis os gastos de promoción e organización”. Tamén se amplía o prazo de validez de todos os billetes de panchas ata o 5 de xaneiro de 2021 así como as datas de validación das panchas que pasarán a ser os días 7, 14, 17, 21 e 28 de decembro de 2020 e os días 4, 11, 12, 13 e 14 de xaneiro de 2021 en horario de 9 a 14 horas”.
Vizoso Galdo aludiu á boa marcha da campaña das Panchas: “o primeiro lote de 3.700 packs de panchas esgotouse o último día previsto para o remate desta edición, que foi o pasado martes, 1 de decembro. E a fase de ampliación deu comezo onte, venres, coa adhesión de novos locais e que adquisición de máis de 500 packs de panchas na oficina de Abanca. Agardamos que a cidadanía aproveite esta oportunidade para consumir local, tanto no comercio coma na hostalería, e que aposte firmemente polos negocios de Ribadeo este Nadal”.
O edil ribadense engadiu que “o volume de negocio que xeramos coa moeda local de Ribadeo nesta edición será de cómo mínimo 240.000 euros, cartos que terán repercutido ao longo duns tres meses no comercio, na hostalería, nos servizos… do noso pobo, que neste 2020 tanto o necesitan”.