A subdelegada explicou que o Goberno de Sánchez está a colaborar activamente en diversos proxectos de interese para os mindonienses achegando cuantiosos fondos desde distintos ministerios para a execución destas melloras.
Rodríguez detallou que desde os Ministerios de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico e de Inclusión e Seguridade Social realízanse investimentos destinados á realización de distintas obras de posta en valor do patrimonio monumental de Mondoñedo, para a rehabilitación de vivendas no Casco histórico, onde tamén se acondicionou un aparcamento público, así como na mellora das súas estradas e en proxectos que teñen por obxecto a mellora da eficiencia enerxética que permiten aforros na factura da luz e axudan a diminuír as emisións de CO2.
ESTRADAS
En mellorar as estradas no municipio de Mondoñedo, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realiza este ano investimentos por valor de 245.000 euros.
Actualmente, a unidade provincial de Estradas traballa no aumento da seguridade viaria e a mellora da visibilidade na N-634 ao seu paso polo Concello, unha actuación que ten un custe de 170.000 euros.
Tamén se realizaron, nos últimos meses, traballos de acondicionamento da N-634a en A Voltiña desde o ppkk 583,600 a 584,450, onde se realizou un asfaltado no lugar do Grove, na parroquia de Vilamor.
Ademais, en 2019 o Ministerio atendeu unha solicitude do Concello de Mondoñedo ao que lle cedeu a titularidade de dous treitos da antiga estrada N-634 en San Vicente e Sasdónigas.
AXUDAS DO 1,5% CULTURAL
Mondoñedo benefíciase de axudas do 1,5% cultural correspondentes ao Programa de conservación do patrimonio histórico artístico do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
O Concello está executando as obras de acondicionamento e urbanización do entorno da Catedral da Nosa Señora da Asunción, financiadas no 75% polo Ministerio, que fixo unha achega de 131.507 euros.
Ademais, na última convocatoria foi seleccionado outro proxecto do Concello de Mondoñedo. Trátase do acondicionamento da Praza da Catedral para a mellora do uso público, que ten un presuposto total de 258.739 euros e financiamento solicitado ao Ministerio ascende a 194.055 euros.
REHABILITACIÓN NO CASCO HISTÓRICO
O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana financia con 157.409 euros a Area de Rexeneración e Renovación Urbana do Casco histórico de Mondoñedo e Barrios Históricos de San Lázaro e Os Muíños.
O Ministerio achega 135.409 euros a estas axudas e a Xunta destina 11.056 euros. En canto aos gastos da Oficina de Rehabilitación, o Ministerio colabora con 22.000 euros, a mesma cantidade que a Xunta.
NOVO APARCAMENTO NO CASCO HISTÓRICO
O casco histórico de Mondoñedo conta con un novo aparcadoiro público, na travesía de Casas Novas, froito de outro investimento realizado pola Dirección xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Esta obra tivo un custe de 128.120 euros e rematou a finais do mes de agosto. Consistiu no acondicionamento de tres parcelas para habilitar unha zona de estacionamento de vehículos nas inmediacións do Casco históricos coa finalidade de que os condutores dispoñan de unha alternativa próxima ao centro e evitar así que os vehículos aparquen nas rúas do Conxunto histórico.
EFICIENCIA ENERXÉTICA
No último ano, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aprobou investimentos por importe de 360.776 euros no concello de Mondoñedo para tres proxectos de mellora da eficiencia enerxética, dentro do programa de achegas que concede o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía.
Trátanse dos proxectos de aforro e eficiencia enerxética do alumeado público exterior no casco histórico, ao que se concedeu unha achega de 138.214 euros, e do alumeado ornamental da catedral, subvencionado con 125.050 euros, ambos aprobados en outubro de 2019. E en febreiro de 2020 aprobouse unha subvención de 97.512 euros para actuacións no casco histórico, nas rúas as que subministra o cadro CM Os Castros.
SEGURIDADE SOCIAL
Pola súa parte, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións vén de realizar traballos de acondicionamento na oficina da Seguridade Social de Mondoñedo, onde se executaron obras para mellorar a atención aos usuarios por un valor de 14.281 euros.