Ribadeo, 3 de decembro de 2020. Mañá, venres, á tardiña será acendido o alumeado de Nadal en Ribadeo, que contará en total con máis de 800.000 luces led. Estará en funcionamento ata o 7 de xaneiro. Neste 2020 presenta novidades como as figuras tridimensionais ou as luces que se poderán ver nalgunhas rúas.
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso, explicou: “segundo os datos que nos pasan os técnicos e os operarios da empresa de instalación do alumeado de Nadal, se sumamos todas as microluces que conforman a totalidade dos arcos, das iluminacións nas farolas e nas árbores e as das figuras en 3D estaríamos superando as 800.000 luces led en total, unha cifra moi importante e moi significativa para Ribadeo e que acadamos por segundo ano consecutivo”.
O edil ribadense contou que “tan só a árbore instalada no parque de San Francisco, que ten unha altura duns 14 metros e cunha tecnoloxía RGB, que significa que vai cambiando alternativamente de cor, dispón duns 30.000 leds. Os arcos e os adornos instalados nas farolas son en ton branco frío con figuras de metacrilato e tiras de neón. Hai tamén figuras tridimensionais colocadas en diferentes puntos da vila, algunhas delas con detalles apropiados para os máis pequenos”.
Pablo Vizoso engadiu que “mantemos a iluminación en todas as rúas ás que chegamos o ano pasado e incluso nalgúns casos ampliouse un pouco ata o final de avenidas como Rosalía de Castro ou de Asturias. Outra das novidades deste Nadal, xunto cos arcos e o resto da decoración, é a cortina de luz da rúa Reinante”.
O concelleiro de Comercio agarda que “esta iluminación nos anime, nos meta de cheo do Nadal e que serva para que xente siga vindo mercar ao noso comercio e a disfrutar da nosa hostalería, e en xeral a gozar de todos os servizos e atractivos que ofrece Ribadeo”.
O investimento realizado no alumeado de Nadal deste ano é de preto de 24.000 euros.