Site icon Crónica3.com A Mariña

Deputación e Federación poñen en marcha a campaña de dinamización do comercio no Nadal, con 10.000€ en premios

 Lugo, 1 de decembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes co presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López, o convenio de colaboración pola cal a institución provincial achega 52.0000€ á entidade para a campaña Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti. Comercio de Lugo Seguro, Nadal Seguro. Trátase da nova iniciativa que poñen en marcha Deputación e Federación de comercio para incentivar e promover entre a veciñanza as compras nos comercios de proximidade da provincia durante o Nadal.

Tomé Roca e Seijas López aproveitaron o acto para presentar dita campaña de sensibilización e promoción da seguridade nas compras nos pequenos comercios que se enmarca dentro do obxectivo da Deputación de traballar da man co tecido asociativo da provincia e mellorar o actual contexto económico e social derivado da pandemia do coronavirus.

Tomé Roca destacou que “dende a Deputación vimos colaborando dende xa hai anos coa Federación en programas e accións para visibilizar a calidade do sector, e para incentivar as compras no pequeno comercio, no comercio de proximidade da nosa provincia. Foi sempre unha colaboración importante, pero, dende logo, neste ano é fundamental e imprescindible que desde a institución provincial fagamos esta inxección económica ao sector, tendo en conta que, xunto coa hostalería, o turismo e a cultura, é o que está a sufrir o impacto máis grave polas restricións da crise sanitaria”.

Así mesmo, o Presidente subliñou que esta nova colaboración enmárcase no compromiso da Deputación de traballar da man cos propios sectores produtivos para axudar na recuperación do emprego e da actividade económica da provincia. Nesta liña, explicou que a institución provincial dedica 30 M€, un terzo do total do Orzamento, a Políticas Sociais “porque cremos que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo dos máis vulnerables”.

“Con esta campaña apoiamos aos 5.500 comercios da provincia nunhas datas fundamentais, pois o Nadal representa un importante volume dos seus ingresos, supoñendo máis do 30% da facturación anual. O comercio de proximidade é un motor fundamental da economía de Lugo, xerador de emprego e riqueza, e dinamiza as rúas e a vida social. Ademais, o comercio da nosa provincia é un comercio seguro”, salientou o mandatario provincial.

Finalmente, Tomé Roca animou á veciñanza a facer as súas compras de cara ó Nadal nos comercios do seu pobo, da súa vila, do seu barrio, nas tendas que teñen máis preto, coa seguridade de que cada transacción terá así un dobre valor, “ o valor do agasallo que lle facemos a familiares ou amigos nun ano tan complicado, e o valor engadido de saber que contribuímos a manter postos de traballo, a manter o noso estilo de vida e manter a nosa identidade como provincia”.

Pola súa banda, Seijas apuntou que “neste ano atípico arrincamos esta campaña con máis ilusión ca nunca, porque calquera empuxón que se de ao comercio é un sopro de aire fresco. Deputación e Federación de Comercio volvemos estar unidos para dar resposta ás inquedanzas do sector, concienciando ao consumidor da provincia da necesidade de apostar polo noso comercio, realizando iniciativas que incentiven o consumo e afianzando a confianza dos consumidores amosándolles que os nosos establecementos son totalmente seguros, pois fixemos os deberes”.

Un total de 10.000€ en premios
Este Nadal, o comercio de Lugo máis preto de ti desenvolverase dende o 6 de decembro ao 6 de xaneiro. Durante estes días, as persoas que merquen en calquera dos establecementos da provincia participarán no sorteo de 40 premios por valor de 10.000€, que poderán reinvestir en novas compras dos comercios adheridos á campaña. Concretamente, serán 20 tarxetas regalo de 300€ e outras 20 tarxetas de 200€. Así mesmo, durante este período os comercios incentivarán as compras nos seus locais con material promocional nas rúas e co hashtag #lugonadal en redes sociais.

Como participar
Unha vez feita a compra nun comercio local, as persoas interesadas deberán fotografar e rexistrar o seu tícket de compra en www.lugonadal.com ou solicitar o seu rexistro ao comerciante. O sorteo ante notario será o 14 de xaneiro de 2021. Máis información en www.lugonadal.com.

Exit mobile version