Site icon Crónica3.com A Mariña

Daniel Vega destaca unha nova colaboración da Xunta co comercio ribadense ao que entrega 15.000 bolsas cun investimento de 7.000 euros

 Ribadeo, 18 de decembro de 2020. O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, Daniel Vega, destaca “unha nova colaboración co comercio local”. O popular sinala que “volvemos xestionar orzamento para o tecido económico de Ribadeo a través de axudas directas nestes momentos de dificultades con motivo da campaña de Nadal para a que a Xunta achegou 7.000 euros cos que sufragar 15.000 bolsas”. A este material que foi xa entregado aos comercios de Ribadeo hai que engadir tamén pegatinas e bobinas de papel de agasallo; ademais da colaboración habitual ao longo de todo o ano”.

“As bolsas, moi de Ribadeo, teñen presente a Luz Pozo Garza a través dun dos seus poemas e tamén destacan o paso do Camiño Norte pola nosa vila”, explica Vega. O voceiro popular engade, neste sentido, que “estamos preparando xa o Xacobeo 2021 e promocionando Ribadeo como porta de entrada en Galicia do Camiño Norte. Debemos xestionar recursos para o noso pobo con motivo do ano Xacobeo e sacarlle proveito ao Camiño”, defende.

Vídeo promocional de Ribadeo no Nadal
Vega sinala que “hoxe preséntase o vídeo promocional ‘Ribadeo no Nadal’ dentro da campaña ‘Ribadeo seguro’ para dinamizar as compras no municipio porque, a pesar da preocupación de todos pola actual situación sanitaria, debemos seguir traballando e impulsando iniciativas para que o noso pobo siga medrando”.

O voceiro popular cre, neste sentido, que “apoiar a todos é o camiño acertado”. E di que “todas estas xestións e colaboracións responden ao traballo para impulsar Ribadeo e, en definitiva, supoñen querer e respectar Ribadeo”.

Exit mobile version