Mondoñedo, 3 de decembro, 2020. Dentro das XIII Xornadas “Abrindo Camiño – 2020” o sábado día 5 de decembro, no Auditorio Municipal Pascual Veiga, terá lugar un acto institucional para a conmemoración do centenario da creación da sociedade “Mondoñedo y Distritos”
Este acto institucional terá lugar a partir das 19:00h e, na súa parte principal, consistirá nun tempo de Presentación – Coloquio e agasallo aos asistentes do Caderno – Xornal “Mondoñedo na Memoria”, elaborado por Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo, no que se aborda o tema da creación da citada sociedade.
Na Presentación – Coloquio de “Mondoñedo na Memoria” intervirán:
Antonio Reigosa, Cronista Oficial de Mondoñedo
Alberto García Fernández, Concelleiro de Cultura e Novas Tecnoloxías
Dna. María Patricia Otero Doural, Concelleira de Camiño Norte, Asociacionismo e Participación Cidadá
Francisco Piñeiro, Mestre e dinamizador cultural
Andrés García Doural, Investigador sobre a historia mindoniense.
Ao rematar este acto de presentación, ás 19:45h, completa esta actividade un concerto musical do grupo “Louband Street”
Por último citar unhas verbas do autor, Antonio Reigosa, acerca desta sociedade creada en 1920:
A Sociedade Mondoñedo y Distritos créase o 22 de agosto de 1920 nunha reunión ritual celebrada no número 725 da rúa Tacuari da cidade de Bos Aires.
Asinan a acta fundacional Valentín González, Víctor Domenech, Juan García, Alfredo Pérez, Lisardo García, José Fraga, Manuel López Seivane, Ladislao Coldeira, José Coldeira, Nicanor Flores e Ricardo Veiga González, principal promor.
Os obxectivos que se reflicten nesta acta son a protección da cultura e do recreo, manter o nome da “hidalguía y hospitalaria ciudad que lleva su nombre, sus glorial, su arte”, convocar un picnic coincidindo coa festividade da Virxe dos Remedios e preparar unha asamblea constiuínte.
Os consocios debía ser oriundos do ámbito territorial do partido xudicial de Mondoñedo
Este e outros moitos aspectos serán tratados a fondo na presentación de Mondoñedo na Memoria.
Extracto de “Mondoñedo na Memoria” de Antonio Reigosa.