Site icon Crónica3.com A Mariña

Coa inauguración da exposición fotográfica de Cris Andina comezaron este venres as actividades do VI Festival de Jazz e Blues de Ribadeo. O martes actuará Sumrrá

 Ribadeo, 4 de decembro de 2020. As actividades da sexta edición do VI Festival de Jazz e Blues de Ribadeo comezaron hoxe, venres, na oficina de turismo ribadense coa inauguración da exposición de Cris Andina, especialista en fotografar artistas de teatro e músicos. Ademais da propia Cris Andina interviñeron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, e o director artístico do evento, Rafael Monteavaro, de Game Over Productions, que é a empresa organizadora.
A edil de Cultura explicou nesta mostra, que estará aberta ao público ata o día 19 deste mes, a través dos ollos da fotógrafa ribadense Cris Andina “imos ver instantes, momentos, sentimentos tamén de moitos eventos culturais e de diferentes persoeiros sobre todo da música”.
Cris Andina comentou que a exposición “é como un disco recopilatorio de 7 anos que levo facendo fotografía de concertos. É unha pequena mostra para apoiar un pouquiño o festival de jazz porque ten que seguir a música e a cultura aínda que esteamos nuns momentos críticos”.
E Rafael Monteavaro animou á xente a visitar “esta marabillosa exposición e tamén a que disfruten da música en directo, que nestes momentos é difícil”.
O martes 8 actuará Sumrrá, que é o trío máis representativo do jazz galego contemporáneo, leva case vinte anos nos máis variados escenarios do mundo enteiro e conta con seis discos no mercado.
E o sábado 12 pechará os concertos do festival ribadense o andaluz Zenet, polifacético artista que foi premio da música ao artista revelación en 2009 e posteriormente logrou varias distincións máis. O seu novo disco, La Guapería, é de versións de boleros cubanos antigos e na semana da súa saída ao mercado entrou no top 10 dos discos máis vendidos en España e acadou o número 7 nas listas.
Os tres concertos serán no auditorio municipal Hernán Naval ás 20:00 horas con entradas numeradas gardando as distancias de seguridade, aforo reducido a 100 persoas para cada unha das actuacións e demais medidas contra o Covid 19.
O prezo das entradas para estes concertos é de 10 euros, 8 euros e 16 euros respectivamente, que son moi inferiores aos que se pagan nas actuacións destes artistas noutros lugares. Están á venda en www.ataquilla.com.

Exit mobile version