Lugo, a 16 de decembro de 2020. O deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, formulará unha pregunta na sesión de control da Comisión 2ª do Parlamento de Galicia na que se interesa polas vantaxes que supuxo a implantación do novo plan de transporte público por autocar na provincia de Lugo que, na súa opinión “permitiu reforzar e mellorar os servizos aos cidadáns”.
Balseiro lembra que, anos despois da súa posta en marcha en 2017, incrementáronse sensiblemente o número de combinacións horarias e frecuencias semanais con respecto ao contrato anterior o que supuxo unha mellora substancial deste servizo público que redunda en beneficio dos veciños da provincia e, moi especialmente, da mobilidade do rural.
Segundo o parlamentario popular, unha das novidades do novo plan “que funcionou de xeito máis satisfactorio, e que mellor acollida tivo entre a veciñanza” foi o novo servizo de transporte escolar compartido, que permite aos usuarios subirse ao bus escolar e aproveitar as prazas baleiras, beneficiándose tamén os adultos destas rutas e horarios.
A Xunta defende que a integración do transporte escolar trouxo múltiples beneficios, xa que permite un mellor aproveitamento dos recursos públicos e fai posible multiplicar a cobertura territorial dos autocares no rural; ademais de facer economicamente viables os contratos de transporte. Na actualidade esta modalidade préstase con totais garantías sanitarias, con protocolos específicos adaptados á situación de pandemia.
Balseiro finaliza a súa exposición lembrando que a mellora no transporte público por autocar na provincia contrasta co comportamento adoptado polo Goberno de España que, “aproveitando a situación da pandemia, está a levar adiante un desmantelamento progresivos dos servizos ferroviarios públicos nesta mesma provincia”.
A iniciativa será obxecto de debate o vindeiro venres, día 18 de decembro, no Pazo do Hórreo de Santiago de Compostela, sede do órgano lexislativo galego.