Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobadas as mocións do BNG de Viveiro para a promoción das rutas de sendeirismo e a rehabilitación de Verxeles

Viveiro, 10 de decembro, 2020. O pleno da corporación municipal de Viveiro aprobou as dúas mocións que presentaba o BNG neste pleno de decembro, as cales son:

Moción para a sinalización e promoción dos roteiros de sendeirismo

A primera das iniciativas exposta no pleno pola concelleira nacionalista Míriam Bermúdez, solicitaba a sinalización, promoción e mantemento dos roteiros de sendeirismo por parte do concello de Viveiro, co fin de xerar rutinas e hábitos saudábeis e as tan demandadas alternativas de ocio para a xuventude, enriquecendo o abano de actividades do concello nunha época Covid-19 na que é imprescindíbel potenciar o ocio ao ar libre e sen aglomeracións. Os acordos expostos e aprobados foron:

.Crear un apartado na páxina web do cocello -ou nunha nova páxina web- na que se recollan rutas, tanto a pé como en bicicleta, mostrando niveis de dificultade, distancia, tempo aproximado, etc.

.Que estas rutas esteñan dispoñíbeis nas diferentes plataformas dixitais GPS máis utilizadas na actualidade, tales como Wikiloc, Google Maps, etc.

.Elaborar un folleto no que se recollan as rutas para estar dispoñíbel na Oficina de Turismo, dependencias municipais, etc.

.Destinar unha parte dos vindeiros orzamentos para o mantemento e sinalización destas rutas, con elementos sustentábeis e acordes coa contorna.

A moción resultou aprobada por unanimidade a pesares das mútiples interrupcións da alcaldesa María Loureiro con pobres afirmacións que non se sustentan, como que o seu goberno xa viña mantendo estes sendeiros ou que o traballo deselvolto polo seu goberno neste ámbito é exemplar, entre outras vaidades. “Tan só con ver o deterioro da Ruta da Auga con árbores e ramas caídas entorpecendo o seu paso e os postes de marcaxe e sinalizacións caídas, desmonta tales afirmacións de facto”, afirmou Míriam Bermúdez.

Moción para a rehabilitación integral da zona de Verxeles

En Verxeles pódese contatar, unha vez máis, a deixadez e a falta de proxectos do Goberno Municipal do PSOE e que así o verifican os arbitrarios parcheos da zona, os desniveis na calzada con altibaixos e plaquetas soltas, as varandas tortas e rotas, as prazas de aparcamento sen ningún tipo de ordenación e sen delimitar, ou a falta total de accesibilidade que ten a zona… Mais a pesares de todo isto, a alcaldesa María Loureiro quixo matizar que non existia improvisación nin falta de planificación, ao que Míriam Bermúdez lle respondeu no pleno “si as obras do Concello se fixeran nunha escala de valores cuns baremos que tantearan o número de residentes, os perigos e a falta de accesibilidade das zonas, Verxeles teriase rehabilitado hai anos e non teriamos que presentar esta moción. A falta de planifición constátase nesta zona como a que máis.”

Finalmente a moción foi aprobada por unanimidade na cal constataban os acordos:

.Que o Goberno Municipal reclame ao organismo competente á realización dun estudo para a rehabilitación integral (calzadas, beirarrúas, aparcamentos…) das seguintes rúas municipais: Rúa Verxeles, Camiño Real, Rúa Vello e Travesía Verxeles.

.Búsqueda de recursos económicos a través de liñas de axudas e de colaboración e cooperación doutras administracións públicas, para plans e actuacións que melloren a accesibilidade e mobilidade das citadas rúas, e para a súa rehabilitación.

Por último, Míriam Bermúdez solicitou á alcaldesa que os avances que se fagan para levar a cabo esta moción, se lle foran transladados ao grupo do BNG e así non ter que estar constantemente preguntando, no que a alcaldesa María Loureiro amosou o seu rexeitamento a trasladar esta información. Polo que desde o BNG estremos pendentes, preguntándo de forma constante a quen sexa preciso, como única forma de obter algo de información desta forma opaca de gobernar do PSOE de Viveiro.

Exit mobile version