Site icon Crónica3.com A Mariña

Apaga organiza un curso de piloto de drons que comezará o 14 de decembro. A inscrición remata este venres

 Ribadeo, 7 de decembro de 2020. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia organiza un curso de piloto de drons que dará comezo o día 14 de decembro. Terá unha duración de 60 horas, das que 50 serán impartidas online e 10 presenciais. As persoas que o realicen obterán o título recoñecido pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que é obrigatorio para pilotar drons de ata 25 quilos de peso. A inscrición remata este venres, día 11.
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, declarou que “esta nova iniciativa formativa xurde coa idea de ir incorporando novas accións relacionadas co sector do automóbil, porque non cabe dúbida de que o sistema aeronáutico tamén pertence á nosa familia profesional. Entón cremos conveniente que ao ser un equipo que se pode utilizar para distintos sectores profesionais podería ser interesante este curso”.
Doural explicou que “é un curso para pilotar drons ata uns vinte quilos de peso, ten unha duración de sesenta horas, cincuenta online e dez presenciais. É un título oficial, recoñecido pola Agencia Estatal de Seguridad Aérea do Ministerio de Transporte, Movilidad y Agenda Urbana. Vaise impartir neste mes de decembro. O día 11 rematará o prazo de inscrición, neste momento hai xa unha serie de xente interesada. O curso empezaría o día 14 e calculamos que entre o 23 ou o 26 se fará o exame”.
O presidente de Apaga subliñou que “hai unha premura por facer este curso dado que a partir do 1 de xaneiro vai cambiar a normativa e non se sabe moi ben como vai ser. Neste momento consideramos que sería interesante facer este curso xa. Como sempre as persoas interesadas poden contactar vía correo electrónico en apagaribadeo@gmail.com ou nos teléfonos 639 88 49 45 e 629 09 67 11. Espero que teña unha boa acollida porque despois se podería facer algún curso referido a determinados sectores como pode ser o forestal, o turístico, etc…, pero como punto de partida a xente ten que ter o curso recoñecido oficialmente de piloto”.

Exit mobile version