Foz, 16 de decembro de 2020. Un grupo de alumnos e alumnas de 3º B da ESO do IES de Foz (Carlos Iglesias Pernas, Bethelhem Martínez Rúperez, Héctor Portela López, Bruno Rodríguez Docobo, Andrea Rodríguez Lousas, Miguel Río Gavín e Francisco Antonio Sánchez Díaz) veñen de recibir o primeiro premio no 2º Concurso de Podcast Xosé Mosquera.
O concurso está organizado polo IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, e Arraianos Producións, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e o apoio do colectivo Ponte nas Ondas, o Museo do Pobo Galego, a Escola Superior de Arte e Deseño Mestre Mateo, a Fundación Rosalía de Castro, Oral de Galicia, a Radio Galega, a Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia.
Os alumnos do IES de Foz elaboraron un guión a partir dun conto tradicional galego (A casa dos mouros), no que se inseriron refráns acordes co contexto.
Outro grupo de alumnos do IES de Foz xa fora gañador o ano pasado deste premio, que fomenta o uso da lingua galega en novos formatos e a posta en valor da nosa cultura.