Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano valora de xeito positivo a reapertura da hostalería de Burela desde o venres. O alcalde pide moita responsabilidade aos empresarios e tamén á cidadanía

 Burela, 2 de decembro de 2020. A hostalería de Burela reabrirá con restricións este venres, segundo anunciaba o presidente da Xunta este mediodía. O peche perimetral mantense polo momento. O alcalde, Alfredo Llano, valora de xeito positivo esta información.
O rexedor declarou: “valoramos de xeito positivo que, aínda con limitacións, a hostalería de Burela poida ir abrindo pouco a pouco. Pedimos moita responsabilidade tanto ás veciñas e aos veciños de Burela coma aos nosos hostaleiros para que cumpran estritamente con todas as medidas decretadas polas autoridades sanitarias, porque non queremos volver para atrás”.
A día de hoxe Burela conta con 13 casos activos de covid. Para o alcalde, Alfredo Llano, “é unha cifra baixa que anima a pensar en positivo. Agardamos seguir mellorando os datos para recuperar a mobilidade, que tamén é algo moi importante. Temos que facer as cousas ben para seguir avanzando e recuperar a vida que estabamos a levar hai unhas semanas, antes de iniciar este peche perimetral e o peche da nosa hostalería”.
Momento antes da comparecencia do presidente da Xunta o alcalde burelés contaba que “esta mañá o primeiro que fixen ao chegar ao Concello foi abrir a páxina do Servicio Galego de Saúde para comprobar os datos de contaxios en Burela, e levei unha sorpresa agradable xa que temos 13 casos activos pero son os acumulados a catorce días, polo que é pouca cantidade, algo que nos permite poder pensar en positivo. Decrecemos dunha forma considerable, tíñamos 23 casos e hoxe pasamos a 13. Iso significa que vai ben todo e que non están entrando casos novos. No hospital hai 4 persoas agora mesmo, pero penso que non van tardar moito en darlles a alta. Iso quere dicir que fomos facendo as cousas, dentro das nosas posibilidades, en xeral corresponsabilizándonos todos ben”.
Alfredo Llano manterá mañá, xoves, unha xuntanza telemática coas autoridades sanitarias para analizar a incidencia do covid en Burela e as normas decretadas nas últimas horas.
O rexedor agradece “todo o que está facendo a veciñanza de Burela. Creo que está corresponsabilizándose ben e hai unha intención clara de normalizar o antes posible esta situación que nos está afectando tanto no aspecto sanitario como no económico”.

Exit mobile version