Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa inaugurou este venres a súa árbore de nadal, situado na praza de San Roque, no que veciños e visitantes poderán fotografarse e ter un bonito recordo destas datas en Ribadeo

 Ribadeo, 4 de decembro de 2020. Acisa inaugurou esta tarde o seu árbore de Nadal, que está situado na praza de San Roque. Alí foi creado un espazo único onde veciños e visitantes poderán fotografarse, fronte ao nome de Ribadeo en tamaño XL, iluminado para a ocasión.
Jesús Pérez, xerente de Acisa Ribadeo, explicou que “a árbore de Acisa ten máis de 1.200 metros de luces leds, 10 metros de altura e 5 de diámetro. Ademais está decorado no seu frontal polos logotipos dos establecementos asociados, para facer publicidade aos socios e socias de forma directa nun lugar que será de paso para moitas persoas”.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, subliñou que “o que queremos é contribuír a crear e manter o espírito destas datas nun ano que está a ser raro e complicado para todas e todos. Para animar as compras e o ambiente do Nadal nas rúas de Ribadeo soarán panxoliñas estes días. En total colocáronse 30 altofalantes en diferentes localizacións, a través dos que soará a música de Nadal en horario de 12 a 14 horas polas mañás e de 18 a 22:30 horas polas tardes-noites, co fin de non molestar nas horas de descanso e para crear ambiente nas horas principais do día para a hostalería e o comercio locais”.
Pérez Prada lembrou que “ademais neste 2020 desde Acisa apostaremos tamén pola animación en directo, sempre que as circunstancias o permitan e deixando aberta a posibilidade de cancelación. Contaremos con animación para os máis pequenos da casa, así como para as horas de saír a tomar un viño ou unha caña. Teremos ademais actividades como unha visita de Os Bolechas e pasarrúas de gaitas varias fins de semana, pola tarde e ao mediodía.
Iriarte Quintana engadiu que “haberá algunha actividade mais da que daremos cumprida información nos vindeiros días. Todo coa intención de que o Nadal deste ano non perda a súa esencia e co obxectivo de que Ribadeo sexa o lugar elixido para facer as compras, tomar un viño, encargar a cea de Nadal e desfrutar dunhas festas diferentes”.
Presidente e xerente de Acisa destacan a indispensable colaboración económica da Deputación de Lugo que colabora co financiamento desta actividade.
No acto de acendido do árbore de Nadal de Acisa Ribadeo participaron nesta fría tarde varios membros da xunta directiva.

Exit mobile version