Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta lamenta que o Estado non desenvolvese un protocolo para os casos de Covid-19 a bordo dos buques como pedía Galicia

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2020. A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, defendeu hoxe no Parlamento o labor realizado pola Xunta desde o inicio da alerta sanitaria polo coronavirus para dar apoio ao sector pesqueiro e lamentou que o Goberno do Estado non respondese ás reiteradas peticións do Executivo galego para que establecese un protocolo de actuación fronte aos casos de covid-19 rexistrados a bordo dos buques pesqueiros.

Neste sentido, a representante do Executivo galego lembrou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo que a Consellería do Mar emitiu desde o primeiro momento recomendacións para extremar as medidas de prevención a bordo dos barcos, á espera das resolucións que emitise a administración competente na atención sanitaria a bordo, así como instrucións de actuación ás lonxas para manter a súa actividade con garantías e contribuír ao subministro de produtos do mar á cidadanía.

A secretaria xeral técnica tamén lamentou a falta de claridade e resposta en relación coas consultas feitas sobre a realización de test aos tripulantes dos buques de xeito previo ao embarque dado que había empresas armadoras interesadas en facelos pola súa conta. Non obstante, a petición da Xunta non foi atendida polo Goberno central, que se limitou a remitir á normativa que regulaba a disposición e uso de test, sen clarexar as dúbidas existentes ao respecto da súa aplicación.

Ante esta situación, o Executivo galego adoptou varias medidas para garantir a seguridade da frota. Entre elas, a realización de test ás tripulacións dos barcos galegos que participaban en maio na campaña da anchoa e pola que máis de 400 tripulantes de 40 barcos puideron testar a presenza do virus grazas ao apoio das confrarías vascas e cántabras e aos servizos de saúde vasco e cántabro, que actuaron por mediación do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Silvia Cortiñas tamén recordou que a Consellería do Mar e o Sergas asinaron en xuño un convenio co Instituto Social da Mariña (ISM) polo que a comunidade facilitaría ao organismo estatal os test serolóxicos para ser realizados aos tripulantes que fan mareas longas e formaría aos médicos do ISM para a súa realización. Galicia xa entregou máis de 2.500 test ao ente dependente do Goberno central -que é o que ten competencias para facelos- e formou ao seu persoal pero a realización de probas diagnósticas, lamentou, é escasa.

En canto ao protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos de coronavirus a bordo dos buques, Galicia pediu en varias ocasións ao Estado a súa elaboración co obxectivo de distribuír as funcións nese protocolo en virtude das competencias e capacidades de cada departamento e clarificar a actuación tanto mentres o buque estivese no mar como durante o traslado a terra dos tripulantes.

Con ese obxectivo, incidiu a secretaria xeral técnica, as distintas Consellerías mostraron xa en abril a súa disposición a facilitar a organización destas cuestións segundo a área sanitaria e os hospitais de referencia así como a aportar os medios dispoñibles para o mantemento das corentenas. O Ministerio de Sanidade, non obstante, desbotou a posibilidade de desenvolver este protocolo alegando que esas competencias correspondían ás comunidades autónomas e a outros organismos como Sanidade Exterior.

Campaña do bonito
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, pola súa banda, analizou o desenvolvemento da campaña do bonito do norte nos últimos anos e lamentou que está a durar arredor de dous meses e medio, fronte aos catro meses que adoitaba prolongarse normalmente. Ante esta situación, a Xunta xa lle trasladou á Secretaría Xeral de Pesca a necesidade de organizar ben a pesqueira para que permita traballar ás embarcacións que participan na campaña o maior tempo posible.

Nesta liña, e dado o bo estado no que se atopa o recurso, Galicia tamén pediu ao Goberno central que defendese na Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico (Iccat) o incremento das posibilidades de pesca para o ano que vén co obxectivo de prolongar a duración da campaña e evitar que outras especies se vexan sometidas a unha maior presión pesqueira.

Extracción da mexilla
Mercedes Rodríguez tamén detallou as xestións realizadas pola Consellería do Mar para mellorar a regulación sobre a extracción de mexilla en bancos naturais e explicou que hai creado un grupo de traballo con representantes das asociacións de bateeiros e das confrarías de pescadores para analizar toda a normativa e as distintas propostas de cara a fixar unha normativa a longo prazo, non só para a presente campaña. O labor dese grupo de traballo xa permitiu emitir por primeira vez unha resolución que regula o horario de extracción da mexilla e segue a traballarse noutras cuestións vencelladas coa extracción, como as zonas, co obxectivo de elaborar unha normativa que perdure no tempo.

Exit mobile version