Esta nova iniciativa cultural e histórica comezará en breve a súa preparación, grazas ao respaldo da Xunta de Galicia, que colabora a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Os promotores do proxecto chamaron a atención sobre “a importancia que tivo este colectivo nunha época de efervescencia social e política, e en concreto para a reivindicación do papel das mulleres na ámbito da música”.
No transcurso da presentación a escritora María Acuña destacou que “o que pretendemos con este proxecto é recuperar e poñer en valor a historia deste colectivo, e para iso tanto no libro como no documental audiovisual tomarán parte as mulleres que formaron parte del para achegar a historia do grupo Saudade con testemuñas de primeira man. De feito, serán parte moi activa do proxecto”.
Será, en definitiva, un traballo exhaustivo e amplo, no que participarán persoas da época que poderán explicar que supuxo para a sociedade ribadense e, en certo modo, para a galega este grupo pioneiro, integrado unicamente por mulleres, así como os movementos que foron emerxendo nese momento.